EDUCACIÓN

O II Encontro Galego de Saxofón reúne na cidade 40 novos talentos

29/07/2010 Por segundo ano consecutivo, Santiago de Compostela acolle o Encontro Galego de Saxofón, que xunta, esta vez nas instalacións da Escola Municipal de Música e no Conservatorio Profesional de Santiago, a novos saxofonistas de Galicia e do resto de España.

Corenta rapaces, que van dende os 12 aos 27 anos, asistirán ás clases que, do 29 de xullo ao 5 de agosto, impartirán Marie Bernadette Charrier e Hilomi Sakaguchi, profesora de saxofón e pianista acompañante, respectivamente, do Conservatorio Nacional de Burdeos; Rodrigo Vila e José Miguel Cantero, profesores de saxofón do Conservatorio Superior das Illas Baleares), e Pablo Diago Busto, profesor e pianista acompañante do Conservatorio Profesional de Música de Vigo. O Encontro está organizado pola Asociación Música Viva.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou este Encontro, acompañado da directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; do coordinador do Encontro, José Fungueiriño, e de tres dos mestres: Marie Bernadette Charrier, Hilomi Sakaguchi e José Miguel Cantero. A edil destacou a importancia deste Encontro e o nivel dos profesores do VI Curso Internacional de Saxofón Merza 2010 (nome da cidade onde xurdiu). Cada alumno contará con clases individuais, colectivas, ensaios cos pianistas acompañantes, ensemble, taller de improvisación, etc.

A actividade formativa inclúe tamén o I Curso para Cuartetos de Saxofón, orientado a estes grupos e cun repertorio específico. E ademais, un Curso para Pianistas Acompañantes, para pianistas interesados en afondar no repertorio do saxofón.

IV Concurso Ramón Guzmán
No marco deste II Encontro Galego do Saxofón terá lugar igualmente o IV Concurso Ramón Guzmán. Poderán participar aqueles alumnos que asistan como activos ao Curso Internacional. O certame contará con catro seccións: superior, profesional ata 6º curso, profesional ata 3º curso e elemental.

Nun prazo máximo de 10 minutos (superior), 8 (profesional) ou 5 (elemental), os participantes interpretarán unha obra ou fragmento de libre elección. Aqueles alumnos que o precisen poderán ser acompañados polos pianistas do Curso ou por participantes no curso de pianistas acompañantes. Os premios, para cada unha das seccións será, respectivamente, dun saxofón Alto PRM, 1 vale de 200 euros en produtos Vandoren, e preinscricións gratuítas en Merza 11.

Compostela FestiSax
A mestría dos profesores deste Curso tamén estará aberta ao público grazas ao Compostela FestiSax, que inclúe varios concertos. O primeiro, dos profesores, celebrarase no Auditorio de Galicia o venres 30 de xullo, a partir das 20:30 horas. Alí tocarán Marie Bernadette Charrier, José Miguel Cantero, Hilomi Sakaguchi e Rodrigo Vila.

O martes 3 de agosto, ás 20:00 horas, celebrarase a Procesión de San Baritonio. É un itinerario musical que irá dende a Porta do Camiño Francés, pasando por Casas Reais, Azabachería, praza da Inmaculada, Obradoiro e rúa de Fonseca, para rematar na praza da Quintana. Trátase dunha procesión de carácter festivo na que participarán todos os alumnos do curso, con paradas para que estes interpreten diferentes pezas e para algunha intervención improvisada.

Dous días despois, o 5 de agosto, concerto de clausura, ás 19:00 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval, coa participación dos alumnos do curso. E xa fóra das datas do propio Encontro, o martes 10 de agosto, haberá un concerto de Pablo Coello, Diego Ventoso e Ángel Faraldo, ás 21:30 horas, na praza de San Martiño Pinario.

Prazas na Escola Municipal de Música
A directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, aproveitou a rolda de prensa para recordar que as datas de matrícula no centro son do 1 ao 15 de setembro. Neste sentido, quixo transmitirlles aos pais que aínda quedan prazas nalgúns instrumentos.

Compartir: