ALCALDÍA

O alcalde, satisfeito coa previsión orzamentaria do Consorcio de Santiago para o período 2011-2013

29/07/2010 O Consorcio de Santiago aprobou na súa reunión do 24 de xullo as previsións orzamentarias para os anos 2011, 2012 e 2103. A estas estimacións se referiu o alcalde compostelán en rolda de prensa, expresando a súa satisfacción, malia a minoración dun 5% de media anual.

Para Sánchez Bugallo, "no momento actual o importante é garantir a continuidade". Así, recordou que as posibilidades eran tres: a suspensión, a minoración dun 45% de acordo á redución establecida para os organismos subvencionados polo Estado, ou a minoración ao nivel dos Ministerios ou mesmo inferior a algúns deles. Por iso, felicitouse de que se dea este último caso, cunha minoración do 5% anual, ata chegar en 2013 ao 17%.

Cunha perspectiva temporal, o alcalde congratulouse de que "dende hai anos xa ninguén pregunta cando se acaba o Consorcio". Recordou que o de Santiago naceu ao tempo que os de Sevilla ou Barcelona, e que estes "levan 17 anos pechados".

Boa marcha das obras
Na súa comparecencia semanal, o rexedor municipal reiterou tamén a súa "enorme satisfacción" polo feito de que "o conxunto das grandes actuacións de Santiago sigan adiante e nos prazos establecidos", en referencia á nova terminal de Lavacolla, a chegada do AVE a Santiago, a duplicación da AP-9 e o túnel do Hórreo. "Santiago é unha cidade beneficiada por un nivel de investimento en obra pública extraordinario", indicou.

Noutra orde, tamén se mostrou "contento" polo discorrer das obras das travesías, aínda recoñecendo que son "moi molestas". En particular, anunciou que no prazo dunhas dúas semanas estará rematada a reurbanización da avenida de Castelao, co obxectivo de inaugurar a obra en setembro. Sobre a actuación en Rosalía de Castro –Santa Marta – Choupana, apuntou que "xa é apreciable a transformación que vai supor".

A terceira das obras, a de Galeras – Salvadas – Vista Alegre, cualificouna como a "máis complicada", polo que agradeceu a "comprensión" dos veciños. Na actualidade están a traballar seis equipos dende primeira hora da mañá ata as doce da noite, co obxectivo de adiantar o prazo de finalización desta obra.

Xuntas de Goberno en agosto
Pendente aínda de fixar definitivamente o número de días das súas vacacións, dixo que, en todo caso, estará como alcalde ata o 11 de agosto e a partir do 23. Anunciou xuntas de goberno para os días 3, 10, 24 e 31 de agosto. Na primeira delas adxudicarase provisionalmente o arranxo de beirarrúas, presupostado en 510.000 euros. Tamén está previsto que en agosto se eleve a definitivo o contrato da segunda fase de arranxo das vías urbanas e que neste mesmo mes se poida executar algunha das obras.

Viaxe a Chile
Do 2 ao 6 de agosto, o alcalde compostelán estará de viaxe nas cidades de Santiago de Chile e Valparaíso, onde estará en representación do Grupo de Cidades Españolas Patrimonio da Humanidade. Será unha viaxe de promoción turística das cidades do Grupo, realizada en colaboración con Turespaña e con estes dous municipios chilenos.

Actos do 24 e 25 de xullo
Sánchez Bugallo tamén se referiu aos actos do 24 e 25 de xullo, que cualificou como "solemnes e brillantes" e cun "resultado satisfactorio". Neste sentido, valorou a cantidade de xente presente en Santiago estes días e a ausencia de incidentes. Sobre o discurso do Rei, expresou o seu desexo de que se cumpra a solicitude ao Apóstolo dunha pronta saída da crise económica.

Finalmente, o alcalde tivo palabras de solidariedade co xuíz Javier Míguez Poza e a súa familia. Condenou as coaccións e ameazas recibidas polo maxistrado e amosou a súa confianza na identificación dos culpables e na súa posta a disposición xudicial.

Compartir: