ALCALDÍA

O ministro de Fomento garante ao alcalde o cumprimento dos prazos nas obras en marcha en Santiago de Compostela

27/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, compareceu en rolda de prensa para indicar que recibiu do ministro de Fomento, José Blanco, o compromiso de que se van cumprir os prazos nas obras en marcha en Santiago. "Ningunha obra se vai retrasar nin sufrir ralentizacións", apuntou.

Asegurado este compromiso, repasou o alcalde o estado das obras do Ministerio en marcha nestes momentos na cidade. Así, sobre a entrada do AVE en Santiago, remitiuse á data prevista de remate, en novembro de 2011, e mesmo anunciou que o actual ritmo das obras fai probable que se adianten os prazos.

Respecto á terminal de Lavacolla, recordou que Fomento xa anticipou o prazo de remate inicialmente previsto, fixado agora para o mes de marzo de 2011. Tamén para marzo do ano que vén está previsto o remate do túnel do Hórreo e tampouco esta obra se vai "paralizar ou ralentizar", dixo.

Finalmente, ao respecto da duplicación do tramo urbano da autopista AP-9, afirmou que esta actuación "vai rigorosamente nos seus prazos". Rematado o período de alegacións, técnicos do Concello e do Ministerio están reuníndose para avalialas. O obxectivo, reiterou, é que as obras poidan comezar no primeiro semestre de 2011 e rematadas en 2014.

Compartir: