XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto das obras de saneamento en Sarela de Abaixo

27/07/2010 A Xunta de Goberno, reunida en sesión ordinaria, aprobou o proxecto e iniciou o proceso de contratación das obras de saneamento en Sarela de Abaixo. Tamén en materia de contratación, prorrogouse tres semanas o prazo de remate das obras da avenida de Castelao e impuxéronse penalizacións por retrasos na actuación na calzada de Santo Antonio.

O proxecto de Sarela de Abaixo, redactado polos servizos municipais, supón a realización de obras de saneamento e bombeo de augas residuais. O tipo de licitación é de 350.246 euros.

Na mesma sesión, o Goberno local validou o prazo do contrato de reurbanización no espazo público da calzada de Santo Antonio, corrixindo os defectos formais detectados na tramitación administrativa. Non obstante, dado que a empresa incumpriu o prazo de execución por causas que lle son imputables, impóñense as penalidades establecidas no prego de cláusulas a razón de 1 €/día/1000 € do prezo do contrato, o que supón un importe de 17.309 euros. Noutra das obras en marcha na cidade, a da avenida de Castelao, acordouse prorrogar tres semanas o contrato de execución.

Tamén en materia de contratación, iniciouse o expediente para contratar o servizo de vixilancia das instalacións da UMAD, por 40.794 euros, e adxudicáronse obras de mantemento de pavimento en diversas zonas da cidade históricas por importe de 55.000 euros.

Subvencións
A Xunta de Goberno deu conta así mesmo da concesión de dúas subvencións. Unha delas, de 22.613 euros, foi concedida polo Instituto Nacional de Administración Pública para o financiamento do Plan de Formación Continua 2010. A outra, para o cofinanciamento do programa de centros educativos públicos fóra do horario escolar, concedeuna a Consellería de Educación por un importe de 32.801 euros, se ben a cantidade solicitada foran 152.152 euros.

Urbanismo
Finalmente, aprobouse definitivamente a conta de liquidación do proxecto de reparcelación dos polígonos 14-15-17-18-19 do PERI-7 de Pontepedriña, por un importe total de 2.411.047 euros.

Documentos relacionados



Compartir: