BENESTAR SOCIAL

Os educadores de rúa seguen a promover a participación comunitaria nos barrios

27/07/2010 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, explicou as actuacións que se están a facer no marco do Programa de Educación de Rúa. Na nova edición desta iniciativa e unicamente cun mes de andaina, xa a están a participar unhas 100 persoas só no barrio de Conxo, pero iranse incorporando moitas máis nas vindeiras semanas e en máis barrios como Fontiñas (xa iniciou a fase de captación), Amio, San Lázaro, Ensanche, Santa Marta, Choupana, A Rocha e Volta do Castro.

O Programa de Educación de Rúa é unha das liñas de intervención da Unidade de Atención ás Familias, en colaboración coas entidades sociais, educativas e sanitarias da comunidade. É unha forma de intervención educativa que emprega o tempo libre como recurso principal. Está dirixida fundamentalmente ao colectivo infantil e xuvenil, se ben é un programa aberto a todos.

A intervención realízase a tres niveis. No primeiro créase un vínculo de convivencia para logo poder realizar un seguimento personalizado. A continuación chega a intervención a nivel grupal, facendo uso do tempo de lecer como recurso educativo a través de diversas actividades. Finalmente, realízase un traballo en rede cos recursos comunitarios: unidades de traballo social, centros educativos, centros socioculturais, Unidade de Atención ás Familias, UMAD, asociacións veciñais, centros de saúde, Policía, etc.

O obxectivo de todo isto é achegar á poboación aos recursos e actividades existentes no seu barrio, e detectar e intervir en posibles casos de risco ou inadaptación social.

Acompañaron á concelleira na rolda de prensa o responsable de programas de prevención da UMAD, Jorge Carballido; os educadores de rúa Camilo Vila (Conxo), Noelia Darriba (Fontiñas); e a educador familiar de Teo Marga Vázquez. Eles falaron das diversas actividades do programa, como o proxecto de radio comunitaria "Conxo FM", o Conxo-blogue, o obradoiro de hip-hop "SK-8", os torneos "Eu xogo ao videoxogo", campionatos deportivos, viaxes, inmersión nas novas tecnoloxías, encontros interxeracionais, etc.

Apertura da Casa das Asociacións de Benestar Social
Mar Martín aproveitou tamén a súa comparecencia ante os medios para anunciar a apertura en setembro da Casa das Asociacións de Benestar Social. Na mesma, 16 asociacións terán alí a súa sede permanente, se ben a instalación estará aberta á participación doutras asociacións, que contarán alí con materiais para desenvolver o seu traballo.

Anticipou tamén o obxectivo municipal de situar alí un centro de día para enfermos de Alzheimer cun baixo nivel de deterioro cognitivo. Tamén na Casa das Asociacións se situará o punto de atención sociosanitaria do Urbana Santiago Norte.

Compartir: