MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

Cidade Histórica e Medio Ambiente entregan os premios do II Concurso de Balcóns

26/07/2010 A compostelá praza de Cervantes foi o escenario da entrega dos premios do II Concurso de balcóns da Cidade Histórica Flores na Cidade, que organiza o Concello de Santiago. No acto participaron as concelleiras do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, e da Cidade Histórica, Olga Pedreira, acompañadas por José Antonio Mosquera, xefe de Parques e Xardíns; Angel Pérez Otero, técnico do Medio Ambiente; Javier Fernández, xefe de servizo de Cidade Histórica e Ignacio Cereijo representando á empresa Cespa.

Durante a súa intervención Elvira Cienfuegos quixo "felicitar as persoas premiadas e agradecerlle a elas e a todas as participantes a súa implicación na ornamentación dos balcóns e a súa participación no concurso". Un agradecemento que fixo "extensivo a todas as persoas e entidades que aínda non participando no concurso, manteñen os seus balcóns floridos e algúns moi profusamente e con moita calidade. Porque realmente ese é o obxectivo do concurso: fomentar a ornamentación dos balcóns que dan ao espazo público e promover o recoñecemento á súa contribución a calidade ambiental e a mellora estética da cidade".

Pola súa parte Olga Pedreira quixo resaltar a intención do concurso en "chamar a atención por segundo ano consecutivo sobre a importancia de recuperar os balcóns como elementos vivos da Cidade Vella". Explicou que "por iso, premiamos a orixinalidade, a conservación, a harmonía e a combinación de cores destes balcóns. Unha iniciativa que esperemos continúe e a ter todo o apoio cidadán que está a ter ata agora e que continúe a funcionar como unha posta en valor mais do noso patrimonio histórico en combinación cos valores naturais e estéticos".

Ambas concelleiras desexaron que para o futuro sexan cada vez máis os balcón ornamentados, animando aos premiados a participar na edición do próximo ano e para que animen aos seus veciños e veciñas a ornamentar os seus balcóns e a participar en edicións seguintes.

Premios do II Concurso de Balcóns
O 1º Premio, recibiuno o balcón da praza de Cervantes, nº 8, de Manuel Mucientes Iglesias. Premio ao que se lle entregou un diploma, unhas orquídeas e materiais de xardinería por valor de 200 €. O 2º Premio foi para o balcón da rúa da Fonte de Santo Antonio, nº 30 – 2º, de Ana María Romar Troiteiro, que tamén recibiu un diploma, orquídeas e materiais de xardinería por valor de 100 €. Xa o 3º Premio correspondeu ao balcón da rúa Nova, nº 19 – 1º, de Inés Suárez Santos, que tamén tivo o seu diploma, orquídeas e materiais de xardinería por valor de 50 €.

En relación co premio do público, as concellerías do Medio Ambiente e de Cidade Histórica agradeceron a súa participación a todas as persoas que volveron apoiar esta experiencia de votación a través da web e que tiveron como resultado que o balcón gañador fose o da carreira do Conde, nº 17 – 1º, de María Freire Santos, que tamén tivo o seu diploma, orquídeas e materiais de xardinería por valor de 75 €.

Compartir: