AUDITORIO DE GALICIA

Pablo Pérez Sanmartín é o gañador do Cuarto Premio Auditorio de Galicia Novos Artistas

22/12/2005 Os accésits foron para Sara Sapeti, Rubén Santiago, Santi Jiménez e José Paz. A exposición das obras finalistas e gañadoras permanecerá aberta desde o 21 de decembro de 2005 até o 5 de febreiro de 2006 no Auditorio de Galicia. Poderase visitar todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 h.

Pablo Pérez Sanmartin (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1980) é o gañador do Cuarto Premio Auditorio de GAlicia Novos Artistas 2005, dotado con seis mil euros.

Licenciado en belas artes, especialidade en deseño e audiovisuais, pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Participou en numerosas exposicións colectivas e varias individuais. No ano 2004 recibiu o 1º premio da IV Edición premios ControlArte. Controla Club de Valencia. A súa obra foi seleccionada tamén na terceira edición dos Premios Auditorio de Galicia.

Nesta ocasión, foi seleccionado pola obra "Tomorrow people", que é o título dunha colección de 64 cromos distribuída en sobres de cinco unidades cada un, cun álbum recopilatorio. A experiencia "Tomorrow people" fai fincapé no aspecto do intercambio entre todos os seus coleccionistas, exhíbese como unha instalación que mostra os elementos básicos constituíntes do proxecto adoptando a apariencia dun stand promocional.

Xunto a Pablo Pérez Sanmartín, o Xurado seleccionou para os catro accésits, dotados con 1 200 euros cada un, a:

-Sara Sapeti (Valladolid, 1976). Licenciada en belas artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra; máster de fotografía en EFTI, 2004; graduada en artes aplicadas e oficios artísticos pola Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña. Ten participado en varias exposicións individuais e numerosas exposicións colectivas. Presentou a obra Sen título . Fotografía sobre forex.

-Rubén Santiago (Sarria, Lugo, 1974). Formación na especialidade de escultura na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e na Escola Massana de Barcelona. Ten participado en numerosas exposición colectivas. Recibiu o premio do xurado e do público da Fundación Rodríguez. Foi seleccionado pola obra Traces (Camiños) realizada en ferro termolacado e area de sílice.

-Santi Jiménez (Santiago de Compostela, 1979). Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na especialidade de Escultura. Ten realizado dúas exposicións individuais e varias colectivas. Foi seleccionado na anterior edición do Premio Auditorio de Galicia. Nesta ocasión foi premiado pola obra El estornudo (O esbirro), técnica mixta sobre papel.

-José Paz (Eibar, Guipúscoa, 1967). Licenciado en Ciencias Sociais e da Información, especialidades de xornalismo gráfico e escrito, Universidade do País Vasco; xefe de fotografía do diario La Región de Ourense; crítico de cultura e arte do diario La Región de Ourense. Ten participado en numerosas exposicións e o Xurado seleccionouno pola súa obra "Lume: Queimados", fotografía realizada no ano 2005.

O último accésit, de igual cuantía, será elexido polo público que visite a exposición e vote mentras permaneza aberta a mostra.

Compartir: