ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "As obras en marcha son necesarias e oportunas"

23/07/2010 O alcalde compostelán indicou en rolda de prensa que "as obras actualmente en marcha son necesarias e oportunas", xa que "é o único momento no que se poden pagar". Así, en relación ás obras en marcha na cidade, Sánchez Bugallo afirmou que "a alternativa era ou facelas este ano ou non facelas e aprazalas sine die".

Tras reiterar as "desculpas" aos cidadáns e recoñecer "as dificultades e tensións" que están causando as obras, referiuse a algunha en concreto, como as das travesías. "Se as tiveramos deixado de facer en 2010, seguramente noutro ano nos non poderiamos ter pagado a nosa parte", dixo. Neste sentido, recordou algunha obra da Administración autonómica que se ten paralizado e non ten data de continuidade, como o edificio de Portos de Galicia ou os edificios administrativos de Salgueiriños".

Comentou tamén que as obras dos accesos da Choupana e de Galeras-Salvadas-Vista Alegre van a moi bo ritmo, e que se traballará durante xullo e agosto para que a actuación no Campo do Cruceiro do Gaio estea rematada o 9 de setembro, data de comezo do curso escolar. Outra das obras dos accesos, a avenida de Castelao, será inaugurada en setembro.

Cidade da Cultura
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde tamén quixo falar das últimas novidades en relación á Cidade da Cultura, co traslado de diferentes instalacións autonómicas ao complexo. "Provócame temor e preocupación que se desnaturalice o proxecto, e que un referente cultural acabe converténdose noutra cousa", subliñou, porque "resultaría difícil de entender que un proxecto arquitectónico como este se utilice para aquilo que podería estar nun parque empresarial".

"Estas decisións –comentou- provocan máis satisfacción entre os que estiveron sempre en contra da Cidade da Cultura que entre os que sempre a defendemos". Ademais, volveu a expresar a súa preocupación porque se teña aprazado a construción dos accesos do complexo coa cidade e o enlace coa AP-9, e paralizado sen data o edificio do Teatro da Ópera.

Compartir: