MOBILIDADE

O estacionamento de borde de Salgueiriños abre ao público cunha xornada continua

23/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu unha xuntanza extraordinaria do Consello de Administración de TUSSA, na que se acordou o modelo de xestión do aparcadoiro de Salgueiriños. Este asunto fora tratado previamente nunha Xunta de Goberno extraordinaria. O novo estacionamento comezará a funcionar o sábado 24 de xullo, e tanto este como o de Santa Marta estarán abertos durante toda a noite desta xornada para facilitar o acceso á cidade de visitantes e veciños.

Este novo recinto pechado ten capacidade para 72 autobuses e 239 turismos (12 das prazas son para discapacitados). É unha superficie pensada, por un lado, para facilitar o estacionamento regrado e vixiado de autobuses e outros vehículos pesados -evitando así a súa entrada na cidade- e, polo outro, para que os turistas e demais potenciais usuarios teñan a opción de non entrar co seu vehículo no casco histórico e centro da cidade, estacionando nesta superficie e accedendo ao centro a pé ou en transporte urbano. Isto suporá unha mellora na circulación dos accesos da zona norte e, polo tanto, no centro da cidade.

As tarifas aboaranse á entrada, serán diarias e non estarán relacionadas co tempo de estacionamento, polo que a saída será libre. O horario será de luns a domingo, incluídos os festivos, de 8:00 a 20:00 horas.

As tarifas, por día, serán as seguintes:
- Turismos 1,50 €
- Autocaravanas 3 €
- Autobuses, microbuses e camións 5 €
- Tarifa reducida para autobuses que veñan da dársena 2 €

O prezo para os turismos é o mesmo que se fixou para o estacionamento de borde de Santa Marta. No caso das autocaravanas, a tarifa só dá dereito ao aparcamento dentro do horario da superficie, sen ningún outro tipo de servizo.

Para os autobuses que queiran estacionar logo de descargar os viaxeiros na dársena de Xoán XXIII estableceuse unha tarifa reducida de 2 euros, aplicable coa presentación do recibo da dársena. O resto de autobuses, así como camións e microbuses, deberá abonar 5 euros por acceso.

Apertura excepcional na noite do 24
O 24 de xullo, os aparcadoiros de borde de Salgueiriños e Santa Marta permanecerán abertos toda a noite, para facilitar o estacionamento a todos aqueles veciños ou visitantes que queiran disfrutar das Festas do Apóstolo.

Compartir: