DEPORTES

Inaugúrase o polideportivo do Restollal

22/12/2005 Santiago conta desde o xoves 22 cun novo polideportivo, situado entre a rúa Isidro Parga Pondal e a rúa de Emilio e de Manuel, no Restollal (Paxonal). O orzamento total do pavillón, ubicado nunha parcela de 2.100 metros e deseñado polo arquitecto Antonio Pena, é de 1.065.374 euros.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o xoves 22 de decembro o polideportivo cuberto do SUNP-17, no Restollal (Paxonal). A instalación conta cunha pista normalizada de 27x45, divisíbel en tres pistas, unha sala de usos múltiples de 150 metros cadrados, catro vestiarios para equipos de quince persoas, unha sala de enfermería, aseos e un graderío con aforo para 300 persoas.

Á inauguración asistiron, ademais de Sánchez Bugallo, o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, e unha ampla representación da corporación municipal; representantes deportivos do Consello Municipal de Deportes, o subdirector Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Ramón Brigas; presidentes de clubes deportivos composteláns, presidentes de asociacións veciñais e directores de centros educativos.

Tras a inauguración membros dos clubes de patinaxe Compostela e Fontiñas realizaron unha exhibición. Os actos continuarán pola tarde, cun encontro amigábel de fútbol sala feminino entre Adv Funeraria Apóstol e a Selección Galega. No intermedio a A.D. Galaika realizara unha exhibición deportiva nas modalidades de kárate e kobudo. A entrada é de balde.

Un edificio integrado no entorno

O Concello de Santiago realizou un investimento de 1.065.374 euros no novo polideportivo do Restollal. O polideportivo conta cunha pista normalizada de 27 por 45 metros, divisible a súa vez en tres pistas de uso simultáneo de 27 por 15 metros cada unha delas, catro vestiarios, enfermería, aseos aptos para minusválidos e unhas gradas cun aforo para 300 espectadores .

Deseñado polo arquitecto Antonio Pena o novo polideportivo municipal ocupa unha parcela do SUNP-17 do Restollal de 2.100 m2 de superficie, ubicada na mazá comprendida entre a rúa Isidro Pondal, o Cotolengo e as rúas Enrique Vidal Abascal e Emilio e Manuel.

O edificio está preparado para un uso intensivo das súas instalacións respondendo á actividade deportiva cotiá dos clubs, entidades e cidadáns que o utilizarán, sendo tamén apto para o outros previsibles usos de carácter lúdico, cultural, social… No seu deseño procurouse unha especial integración do volume constructivo coa ubicación, aproveitando os desniveis topográficos das rúas perimetrais e facilitando así tanto a accesibilidadade como as posibilidades de evacuación en caso necesario.

Está ubicación coida así mesmo as posibilidades de iluminación natural, evitando o sol directo que poida perturbar a práctica deportiva por sombras ou deslumbramentos e contribuíndo ao aforro enerxético. Ao fronte do edificio un gran parque urbano permite disfrutar dunhas magníficas panorámicas da cidade.

O edificio presenta un volume sinxelo, cúbico, con dous corpos integrados, aloxando o maior destes corpos a pista polideportiva e o menor os accesos, vestíbulo e a sala múltiple. Parte do edificio, adaptándsoe á topografía, está semisoterrado na zona superior, reducindo así o impacto visual en altura. A composición básicamente horizontal do edificio atopa un contrapunto na torre que conten as sáidas de chimeneas e que coa iluminación nocturna semella un faro visible desde unha parte da cidade.

Completas instalacións

Na planta baixa o polideportivo conta cunha pista polivalente de 27 por 45 metros, subdivisible en tres pistas de uso simultáneo de 27 por 15 metros cada unha delas, que permitirían, por exemplo, tres partidos de baloncesto, de voleivol ou tres grupos de ximnasia de 40 persoas. Utilizada nunha soa peza, no sentido lonxitudinal, é apta para moitas disciplinas deportivas con medidas regulamentarias. A altura libre é de 8 metros.

Nesta mesma planta está instalada unha sala múltiple de 155 m2, con dúas diferentes alturas, 4 e 7 metros, alumeadas perimetralmente e aptas para usos como o fitnes; a recepción e control de acceso, catro vestiarios para equipos de 15 persoas, situados baixo a grada e con acceso desde o corredoiro paralelo á pista; dous vestiarios para árbitros e/ou entrenadores; a enfermería; os aseos xerais e para minusválidos; os almacéns e o cuarto de instalacións.

O primeiro andar está ocupado por un vestíbulo corrido na cabeceria de pista e paralelo á fachada principal, que permite a presencia de espectadores de pé e apto tamén como zona de descando. O accesos ao graderío realízanse polo corredoiro paralelo ao lado maior do pavillón, totalmente acristalada de xeito que presenta magníficas vistas sobre o parque Eugenio Granell.

Compartir: