URBANISMO

Outras 101 familias poderán acceder a unha vivenda digna tras a resolución do concurso de solo convocado en maio

21/07/2010 No Consello de Administración de EMUVISSA celebrado baixo a presidencia do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, resolveuse o concurso de solo convocado en maio e cuxo prazo de presentación finalizou o día 12 de xullo. Á oferta de nove parcelas para vivendas protexidas presentáronse seis ofertas. No primeiro concurso de solo deste ano 2010 cubriuse máis do 50% das expectativas. Un resultado notable nunha situación de aguda contención do mercado.

Hai propostas para construír 101 vivendas. Desta vez adxudicáronse 4.000 metros cadrados dos 7.900 ofertados (51%) por case 3 millóns de euros. Coas ofertas presentadas complétase a capacidade do polígono de Lamas de Abade e so restan unha parcela no Castiñeiriño, dúas parcelas en Pontepedriña e tres en Tras Paxonal para rematar a oferta de vivenda social nos polígonos do sur en fase de remate da urbanización.

A boa saúde da demanda, se as condicións de adquisición son máis vantaxosas, reflíctese no tipo de vivenda proposto para construción, máis do 56% de prezo concertado, un 32% de réxime xeral e o restante 12% de réxime especial.

A iniciativa do Goberno municipal de utilizar a súa empresa instrumental para reaccionar de forma inmediata e realista ante as novas condicións do mercado (novo prego con facilidades de financiamento aprobado en marzo) permitiu superar o primeiro paso co concurso de solo que vén de rematar, e do que poden derivar máis vendas directas a medio prazo.

Ademais, neste consello tratáronse outros temas como a continuación das obras para rematar a urbanización do SUNP-14 de Tras Paxonal, o pagamento dos gastos de vivendas para realoxo no SUP-7, un contrato de prestación de servizos inmobiliarios e administración para o aluguer de vivendas na rúa do Medio adscrito ao programa de edificios tutelados, a liquidación de obras no SUNP-11 do Castiñeiriño para dar paso á urbanización total do polígono, e outros asuntos de trámite.

Compartir: