XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica a segunda fase do reforzo das vías municipais

20/07/2010 Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno adxudicáronse provisionalmente as obras de reforzo do firme das vías municipais, na súa segunda fase. Ademais, procedeuse a resolver os contratos dos estacionamentos de Xoán Carlos I, Vista Alegre e Fontiñas, e aprobouse o Plan Especial das Brañas de Sar, entre outros asuntos.

A adxudicación do reforzo do firme das vías municipais supón a realización de obras por importe de 2.100.000 euros, que era o prezo de licitación. A empresa adxudicataria foi a que ofreceu os prezos unitarios máis favorables, o que permitirá realizar maior número de intervencións a partir deste orzamento.

Outro dos acordos do Goberno local foi a aprobación inicial do Plan Especial de Ordenación, Mellora Medioambiental e Acondicionamento das Brañas de Sar. Esta intervención, que se acometerá en varias fases, permitirá no futuro configurar un gran corredor verde de máis de dous millóns de metros cadrados e cunha lonxitude aproximada de seis quilómetros. O Plan someterase a información pública por dous meses.

Mobilidade
Tamén se trataron na reunión da Xunta de Goberno as resolucións dos contratos dos estacionamentos de Xoán Carlos I, Vista Alegre e Fontiñas, dando conta das sentencias que desestiman os recursos contra estas resolucións. As tres resolucións, que afectan á mesma empresa, débense ao incumprimento do contratista da súa obriga esencial, cal é a presentación dun proxecto de execución do aparcamento axustado ao acordo de adxudicación e ao contrato, viable técnica e economicamente.

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, aprobáronse dúas addendas a convenios asinados polo Concello co Consorcio. O primeiro atinxe á primeira fase do acondicionamento e posta en valor da Selva Negra e ao edificio de servizos do parque do Paxonal, mentres que o segundo ten que ver con accións en parques e zonas verdes de Santiago. As addendas teñen que ver co reparto de cantidades entre os proxectos incluídos, que en ningún caso modifican o importe total previsto nos convenios, de 600.000 e 550.000 euros, respectivamente.

Seguridade
Finalmente, adxudicouse provisionalmente o subministro de mobiliario e equipamento para as dependencias da Policía Local, por un importe de 24.819,65 euros (IVE incluído) e un prazo de garantía dos produtos ofertados de cinco anos.

Documentos relacionados



Compartir: