ALCALDÍA

A Fundación Granell amosa novos fondos achegados pola familia do artista

19/07/2010 A Fundación Granell retoma a súa programación habitual de actividades coa inauguración da exposición Novos fondos da Fundación. Obra de Eugenio Granell. A mostra está composta por unha inxente cantidade de obra de Eugenio Granell, que ocupará todo o espazo expositivo do museo.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a directora da Fundación Granell e comisaria, Natalia Fernández, presentaron esta exposición, na que se poderá contemplar unha notable cantidade de nova obra do artista, obras doutros artistas pertencentes á colección privada da familia – con nomes como Picasso, Cesariny ou Le Courbusier-, e obras de arte popular, así como obxectos persoais do artista.

Na presentación desta exposición, Sánchez Bugallo expresou unha "dobre satisfacción, que vén dada grazas ao convenio asinado con Amparo Segarra pouco antes de morrer: a colección privada pasa a ser propiedade da Fundación e o Concello asume o compromiso de ampliar a cesión das instalacións para que viñese a biblioteca e a obra que tiña en Madrid". Dixo que con este legado "refórzase este templo do surrealismo no corazón da cidade e poderemos disfrutar dunha colección de obras extraordinaria".

Nestes novos fondos destaca un número considerable de grandes óleos e de obra obxectual, tanto construcións como obxectos. Respecto á obra gráfica, destacan os cadernos de debuxo e bosquexos, que achegan unha valiosa información sobre o proceso creativo de Eugenio Granell.

Os visitantes tamén poderán admirar unha extensa colección de grandes pezas de pintura pertencentes a dúas etapas moi significativas na traxectoria do artista: as súas primeiras obras dos décadas dos corenta e cincuenta, e unha representación da súa etapa coñecida coma as Paisaxes Máxicas.

Nunha sala integramente dedicada á ora na década dos noventa, salienta o proceso de cambio sufrido na última etapa da vida creativa do artista. Nesta, pon máis énfase no debuxo e traballa a cor sen valorar a penas a expresividade da pincelada, tan importante en épocas anteriores.

A exposición amosa a parte máis humana e entrañable do artista, que a comisaria quixo reflectir a través dunha escolla de obra realizada xunto coa súa muller, Amparo Segarra, e dunha coidada selección dos obxectos persoais que sempre o acompañaron ao longo da súa vida, coma os seus violíns, as súas máquinas de escribir...

Compartir: