IGUALDADE

O Concello e outras oito entidades comprométense a promover a conciliación e a crear un observatorio

19/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé. A. Sánchez Bugallo, presidiu en Raxoi o acto de sinatura do Pacto Local pola Conciliación na cidade de Santiago. O Concello e outras oito entidades subscribiron este acordo, que ten como obxectivo expresar o compromiso de traballar e avanzar de cara a un futuro onde a conciliación da vida familiar, laboral e persoal se converta nunha realidade para a poboación compostelá.

Este acto, promovido dende a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, culmina o proceso desenvolvido ao longo dun semestre polos axentes implicados, co fin de acadar unha cidade máis igualitaria entre homes e mulleres. Trátase dun esforzo conxunto das forzas políticas, económicas e sociais coa finalidade de situar o tempo das persoas no centro dun novo modelo de articulación social.

Sánchez Bugallo referiuse á necesidade de mudar unha situación de anos na que "as mulleres se viñeron facendo cargo do coidado dos fillos a costa de non desenvolver a súa carreira profesional". Tamén deste feito falou a Mar Martín e afirmou o compromiso para traballar e implicar a cada vez máis xente na posta en marcha de medidas de conciliación.
Sobre a conciliación, dixo a representante da USC, Benita Silva, que é "un paso previo cara a igualdade real". "É un primeiro na dirección de adoptar medidas máis visibles e logros reais", corroborou Socorro García Conde, en nome do BNG.

Sensibilización e promoción da conciliación
Grazas ao Pacto Local pola Conciliación, os asinantes comprométense a sensibilizar e a informar sobra importancia da conciliación cara a mellorar a calidade de vida das persoas, e a xerar un débante construtivo entre a poboación nesta materia. Xa no ámbito concreto das empresas, incentivarase ás que estean realizando iniciativas nesta materia e fomentaranse os plans de igualdade e os plans de conciliación.

Outro dos compromisos é o de colaboración e participación con outras administracións ou entidades que prestan servizos de conciliación, coordinando as actividades existentes en períodos de vacacións e abrindo espazos de divulgación. Neste sentido, tamén se procurará mellorar os servizos de atención municipal á cidadanía a través da promoción das novas tecnoloxías como canle de comunicación e tramitación administrativa.
Observatorio Local pola Conciliación Laboral

A creación dun Observatorio Local pola Conciliación Laboral, Familiar e Persoal é tamén un obxectivo desta pacto. Será un recurso para prospección, análise e seguimento das políticas públicas e privadas de conciliación no municipio compostelán. No marco deste Observatorio, entre outras medidas, promoveranse accións formativas e crearase un galardón que premiará a entidades empresariais e sociais que promovan medidas estables de conciliación. Dende esta órgano farase o propio seguimento do Pacto.

Un acordo aberto
O acto de sinatura contou coa presenza do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, ademais das persoas representantes das entidades asinantes: Universidade de Santiago de Compostela, Bloque Nacionalista Galego, Cámara de Comercio e Industria, Asociación do Polígono Industrial do Tambre, Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores, Federación de Asociacións Rurais e Asociacións Veciñais Urbanas.

O pacto estará aberto á adhesión de calquera outra entidade vinculada coa cidade de Santiago de Compostela e que comparta os seus obxectivos. Poderá realizarse en calquera momento a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade.

Documentos relacionados



Compartir: