MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

O II Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago xa ten gañadores

16/07/2010 O II Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago, que organizan as concellerías de Medio Ambiente e de Cidade Histórica, xa ten gañadores. O 1º Premio recibiuno o balcón da praza de Cervantes, nº 8, de Manuel Mucientes Iglesias. Recibirá un diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 200 euros.

O 2º Premio foi para o balcón da rúa da Fonte de Santo Antonio, nº 30 – 2º, de Ana María Romar Troiteiro, que tamén recibirá un diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 100 euros. O 3º Premio correspondeu ao balcón da rúa Nova, nº 19 – 1º, de Inés Suárez Santos, que tamén terá o seu diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 50 euros.

En relación co premio do público, as concellerías do Medio Ambiente e de Cidade Histórica agradecen a participación a todas as persoas que volveron apoiar esta experiencia de votación a través da web e que tiveron como resultado que o balcón gañador fose o da Carreira do Conde, nº 17 – 1º, de María Freire Santos, que tamén terá o seu diploma e materiais de xardinería por valor de 75 euros.

O Concurso quixo chamar a atención por segundo ano consecutivo sobre a importancia de recuperar os balcóns como elementos vivos da Cidade Vella. Por iso, premiáronse a orixinalidade, conservación, harmonía e combinación de cores destes balcóns. Para facilitar a ornamentación dos balcóns, a organización distribuíu de balde diferentes tipos de plantas.

Compartir: