ALCALDÍA

O alcalde presenta a actuación máis ambiciosa de recuperación medioambiental no entorno da cidade histórica

16/07/2010 O alcalde, Xosé A. Sáchez Bugallo, presentou o Plan Especial de Ordenación, Protección, Mellora Medioambiental e Acondicionamento das Brañas do Sar, que definiu como "a actuación máis ambiciosa de recuperación medioambiental no contorno da cidade histórica". Froito da colaboración institucional co Consorcio, este organismo incluíu na súa programación 2007/2010 a intervención nas Brañas do Sar.

Sánchez Bugallo resaltou que a actuación sobre Brañas do Sar permitirá configurar un gran corredor verde de máis de dous millóns de metros cadrados e cunha lonxitude aproximada de seis quilómetros. Salientou que esta intervención, que se realizará en varias fases, fará posible tamén a integración dos equipamentos previstos para a zona e da propia Cidade da Cultura.

O pasado 18 de xuño o Consorcio remitiu ó Concello o devandito Plan Especial das Brañas do Sar, previsto no artigo 86 da Normativa do PXOM do 2008, e que se está a presentar para a súa tramitación e aprobación inicial e para o cumprimento do proceso de participación e información pública.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que o ámbito está composto por dous subámbitos separados polo casarío asociado á Colexiata do Sar e á propia Colexiata (ambos incluídos coma parte do Plan Especial da Cidade Histórica). A parte norte ten unha superficie de 193.443 metros cadrados e a parte sur de 172.499 metros cadrados.

O estudo sobre esta actuación inclúe reflexións sobre a evolución temporal dos aspectos hidroxeolóxicos, xeomorfolóxicos, de usos, da vexetación, hábitats faunísticos, etc. que serven para detectar tanto a realidade coma as influencias negativas na evolución temporal do ámbito. Isto, unido ao recoñecemento e análise dos elementos etnográficos, identifica as unidades ambientais necesarias para definir as decisións de intervención e ordenación.

No que atinxe á áreas de asolagamento cos enchentes, a súa evolución e previsión cara o futuro vai ligada aos procesos de urbanización da zona norte da cidade e da modificación das escorrentas que veñen e virán asociadas a implantación da Cidade da Cultura. Ambos temas, poñen en primeiro plano a necesidade de abordar o análises e desenvolvemento dos plans especiais do treito do corredor ambiental do río Sar augas arriba, coma prevé o PXOM, co fin de controlar os temas hidrolóxicos e medioambientais.

Recuperación ambiental
Tamén aparecen xustificada as propostas do restablecemento dos hábitat asociados o río que, xunto coa mellora da calidade das augas que suporá a posta en funcionamento do novo colector-interceptor que executa a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio de Medio Ambiente), favorecerá a continuidade do corredor ambiental do río Sar e a recuperación da súa fauna asociada.

Queda clara a primacía na actuación da compoñente ambiental sobre calquera outra consideración. Isto é un dos aspectos que fan singular esta actuación, tendo en conta a súa situación como peza de contacto e ligazón entre a cidade consolidada e os sectores exteriores inmediatos, e que á súa vez forma parte dun corredor ambiental ao leste da cidade e ao longo do río Sar.

Outro aspecto a subliñar é a incorporación de criterios de xestión de mantemento, considerando a necesidade dunha interpretación dinámica máis que unha resposta definitiva estática. Froito desta reflexión formúlanse diversas intervencións de estabilización, reforzamento e incremento de tipos de vexetación apropiadas para cada subámbito.

Catro fases de actuación
Establécense catro etapas de actuacións, en función da necesidade e urxencia e en coherencia cos obxectivos establecidos dende o PXOM. As etapas ou fases tñen en conta tamén as fases de obtención dos terreos que ten asumido o Consorcio.

No aspecto financeiro distínguese as actuacións asociadas á mellora e mantemento de hábitats, de corrección de impactos de accesibilidade, de formación do viveiro e das hortas periurbanas, de implantación de infraestruturas e de recuperación do patrimonio construído. A totalidade das intervencións, incluíndo a obtención dos terreos necesarios, ascendería a 6,95 millóns de euros.

Alegacións á ampliación da AP-9
O alcalde aproveitou a rolda de prensa sobre as Brañas do Sar para falar doutros asuntos de actualidade, como a ampliación da autopista AP-9 no seu tramo compostelán. Sánchez Bugallo agarda que en setembro ou outubro poidan estar resoltas as alegacións para proceder á redacción do proxecto técnico. Anunciou unha inminente reunión entre técnicos do Concello e do Ministerio de Fomento para tratar diversos aspectos relacionados con esta obra.

Recordou que as alegacións do Concello se centran fundamentalmente en "lograr unha mellor permeabilidade entre as dúas beiras" e en "segregar os tráficos residenciais da zona norte dos que se dirixen ás áreas industriais". Neste punto inclúese a mellora da conexión coa autovía de Lavacolla.

Polígono do Tambre
Respecto á modificación do Plan Parcial do Polígono Industrial do Tambre, aprobado inicialmente, indicou que ten como obxectivo "incorporar as novas lexislacións de seguridade e estacionamento e, ao tempo, dar resposta ás necesidades actuais das empresas xa establecidas". Tras cualificar este cambio como "moi positivo", apuntou que a previsión é que a aprobación definitiva poida chegar en outubro.

Reunión do Real Padroado
Sobre a reunión do Real Padroado de Santiago de Compostela, lamentou que se tivera que pospoñer por "razóns de axenda sobrevidas". En calquera caso, o xefe da Casa Real, Alberto Aza, comprometeuse co alcalde a, en coordinación coa Presidencia do Goberno, buscar unha data no último trimestre de 2010. Nesta xuntanza está previsto establecer os obxectivos para o período 2011-2021.

Malia este aprazamento, o Consello de Administración do Consorcio de Santiago reunirase na mañá do 24 para aprobar o plan cuatrimestral ata o 2013.

Compartir: