ALCALDÍA

O Museo Casa da Troia reabre as súas portas

15/07/2010 O Museo Casa da Troia reabre as súas portas ao público grazas á colaboración do Concello, a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia. Logo de dous anos pechado, o museo inicia unha nova andaina con dúas xornadas de portas abertas.

OSánchez Bugallo explicou que "o inmoble é propiedade municipal, pero a xestión pertence ao seu Padroado, capitaneado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns. Neste momento, está por ver cómo se financiarán os gastos para poder abrila ás visitas, xa que a nova Lei de Subvencións non permite que os custos do persoal sexan financiados a través da subvención, como se viña facendo ata agora. Esperemos que isto se resolva rápido".

Segundo libro en español máis editado
O Museo da Casa da Troia recrea o ambiente estudantil da afamada pensión rexentada por dona Generosa en Santiago a finais do século XIX, e inmortalizada polo escritor don Alexandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Este é o libro escrito en español máis editado e difundido despois de El Quijote.

É unha típica construción do casco antigo da cidade, edificada a mediados do século XVIII e decorada ao gusto daquela época. Consta de tres plantas e dun pequeno ático que remata a casa. A entrada está formada por un vestíbulo ou zona de paso e dende este lugar a casa divídese en dúas zonas ben diferenciadas: a vivenda propiamente dita e as cuadras dos cabalos.

Entrando na pensión pódese ver a sala de respecto, con lembranzas do escritor, e o comedor, onde están expostas fotografías e obxectos relacionados cos personaxes do libro. No segundo piso, os dormitorios. E no ático, a cociña e un pequeno cuarto anexo, pertencente á patroa.

Compartir: