ALCALDÍA

Unha mirada ao espazo dende a Alameda

15/07/2010 A Fundación AXA e Lunwerg Editores, coa colaboración da Concellería de Educación, presentan en Compostela a mostra Espazo e Desenvolvemento Sustentable. Velando pola saúde do noso planeta. A exposición permanecerá no parque da Alameda ata o 3 de setembro.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo presidiu o acto de inauguración desta mostra, celebrado no Palco da Música do Paseo Central da Alameda. Acompañárono o conselleiro delegado do grupo AXA España, Javier de Agustín; o director xeral de Lunwerg, Jesús Infante, e Joaquín Araújo e Rafael Bachiller, autores e comisarios da exposición.

Os 66 grandes paneis da mostra Espazo e Desenvolvemento Sustentable permitirán aos composteláns e aos visitantes da capital galega contemplar unha selección fotográfica das imaxes máis impresionantes do espazo e da Terra procedente dos arquivos da Axencia Espacial Europea e de prestixiosos fotógrafos de todo o mundo. A exposición proponse como unha forma de botar unha ollada, breve pero intensa, ao espazo exterior e contemplar a Terra dende os satélites que nos axudan a velar pola saúde do noso planeta.

A exposición está dividida en seis apartados: "Un infinito de infinitos", "Blanca galaxia", "O noso sistema", "O home asomándose ao espazo ", "A forma das formas" e "Un planeta fráxil". Os catro primeiros lévannos ao espazo exterior da man do astrónomo Rafael Bachiller, director do Observatorio Astronómico Nacional. Nos últimos dous apartados, o naturalista Joaquín Araújo achéganos aos escenarios terrestres e á información que sobre o noso planeta nos chega desde o espazo.

Documentos relacionados



Compartir: