MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Ábrese o prazo de solicitude de inscrición no campamento xuvenil de "Vive o verán"

14/07/2010 O xoves 15 de xullo ábrese o prazo de solicitude de inscrición no Campamento Xuvenil de Vive o verán, programa organizado polas concellerías de Medio Ambiente e de Cultura e Centros Socioculturais.

Todos os interesados terán ata o 28 de xullo para inscribirse nesta actividade. A inscrición terá que facerse en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 21:00 horas en calquera dos Centros Socioculturais da Rede de Centros do Concello. O prezo da actividade é de 30 euros.

Este campamento está destinado a mozos e mozas de 12 a 15 anos. Celebrarase do venres 3 ao domingo 5 de setembro no Local Sociocultural de Grixoa.

No campamento, os rapaces e rapazas experimentarán a aventura de vivir por uns días en contacto coa natureza nunha paisaxe privilexiada do rural de Compostela. Aprenderán a convivir co medio ambiente aproveitando todo o que o contorno lles pode ofrecer. Así, gozarán de actividades ao aire libre con diversas saídas á praia de Chaián, obradoiros e veladas de medo. Todas as actividades estarán coordinadas por persoal cualificado.

Cine clásico ao aire libre
Por outra parte, o programa Vive o verán segue coa actividade "Clásicos á rúa!", que leva os filmes de sempre á rúa. O xoves 15 de xullo, a partir das 22:30 horas, proxectarase Almorzo con diamantes na praza de San Martiño Pinario.

Os "Clásicos á rúa!" son a oportunidade de gozar de películas de sempre ao aire libre coa impresionante zona histórica de Compostela como fondo. Cada semana, ademais de ver as películas, o público asistente goza dunha sorpresa só reservada aos que vaian a esta sesión cine.

Almorzo con diamantes conta a historia da encantadora Holy Golightly (Audrey Hepburn) e de como a súa vida en Manhattan se ve trastocada ao aparecer Paul "Fred" (George Peppard), un home que quizais faga que Holy deixe de observar a soas as xanelas da xoiería Tiffany’s.

Compartir: