URBANA SANTIAGO NORTE

Os axentes veciñais e sociais coñeceron polo miúdo os proxectos do Urbana Santiago Norte a iniciar en 2010

13/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a asemblea ordinaria do Órgano de Participación Cidadá do Proxecto Urbana Santiago Norte, celebrada na propia sede do proxecto na Almáciga. Os axentes veciñais e sociais dos barrios afectados puideron coñecer polo miúdo os principais proxectos aprobados e cuxa execución se iniciará ao longo do exercicio 2010.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou os proxectos de acceso wi-fi a espazos públicos da zona norte, que acaban de ser adxudicados recentemente, así como os proxectos de novos centros cívicos para a zona norte: o do Romaño e o de Santiago Norte, que dará servizo aos veciños das Cancelas e de Salgueiriños. Ambos entrarán en servizo a finais do ano 2011.

Pola súa parte, a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, explicou os principais detalles da nova Escola Infantil de Salgueiriños, que vai dar servizo aos barrios do norte da cidade. Situada na rúa Lavadoiro, supón un investimento dun millón de euros e creará 123 novas prazas para nenos de 0 a 3 anos.

En materia de Deportes, o seu titular, Bernardino Rama, acompañado do arquitecto Alfredo Varela, deu conta das características do que será o novo campo de fútbol de Belvís. Este terreo de xogo substituirá ao campo de terra actual contará con vestiarios para xogadores e árbitros. A súa posta en servizo agárdase para o finais de 2010.

O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou o novo Centro de Arte Xove da Almáciga, que se situará ao pé da Escola Municipal de Música e do que o proxecto Urbana cofinanciará a construción dunha nova estrutura que servirá de espazo polivalente. No mesmo poderán realizarse actuacións musicais e outras actividades por parte dos artistas novos da cidade.

Tamén interveu na asemblea a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, para falar da segunda fase da restauración do Monte de Deus e da restauración do río Sarela entre Romaño e Galeras, que se vai iniciar proximamente coa participación de desempregados contratados no marco do proxecto Urbana pola Concellería de Promoción Económica.

A edil tamén informou sobre o inicio da redacción doutros dous proxectos importantes como son a construción dunha vía verde que unirá os parques da Almáciga e Bonaval e a rehabilitación dun antigo curtidoiro no parque de Belvís para destinalo a centro Cívico, de dinamización e de servizos para o parque.

Para rematar, Teresa Furelos, responsable da área de Benestar Social, fixo unha presentación das accións que están en marcha no seu departamento dentro do proxecto Urbana: a convocatoria de axudas a ONG´s para a posta en marcha de programas de inserción laboral (o prazo de presentación de propostas rematou o 5 de xullo) e o Programa de Integración Social e Igualdade de Oportunidades, que será coordinado dende a Casa das Asociacións.

A iniciativa Urbana Santiago Norte, é un proxecto integral para a mellora dos barrios do norte da cidade, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Compartir: