URBANISMO

A modificación do Plan Parcial do Polígono Industrial do Tambre dará resposta ás actuais necesidades desta área

13/07/2010 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou en rolda de prensa a modificación do Plan Parcial do Polígono Industrial do Tambre, aprobada en Xunta de Goberno. O cambio ten como obxectivo a adaptación da normativa urbanística ás novas esixencias das actividades económicas e produtivas.

Mercedes Rosón explicou que a normativa actual é de 1992, con motivo da súa adaptación ao anterior Plan Xeral. Hoxe, a norma precisa adaptarse a novas leis e regulamentos en materia de edificación, seguridade contra incendios, supresión de barreiras arquitectónicas, etc. Ademais, dixo, o Plan parcial debe ir acorde "á evolución da actividade económica en xeral nos últimos tempos, con cambios tecnolóxicos e nos sistemas construtivos".

En particular, a concelleira referiuse ao traballo realizado pola propia Asociación de Empresarios do Tambre en coordinación coa Área de Urbanismo, que detectou diversos desaxustes en cuestións relacionadas cos usos, que se amplían, e con aspectos de caracter menor como retranqueos, accesos ás parcelas ou peches. A modificación dá solución a estas cuestións, dando máis "flexibilidade", debidamente xustificada, nas construcións accesorias.

Prazas de estacionamento
Outra cuestión fundamental é a adaptación á normativa vixente en materia de aparcamentos e permitirá dotar ao polígono de máis prazas de estacionamento. Segundo explicou, isto sucederá grazas á obriga de que as parcelas que resulten de segregación ou as que aínda non están edificadas, teñan as prazas de aparcamento determinadas en función do uso. Así, elimínase a excepción de prazas de aparcamento contémplaa na normativa actual para parcelas de ata 3.000 metros cadrados.

As parcelas resultantes de segregación deben ter un mínimo de 250 metros cadrados e fronte mínimo en contacto coa vía pública de 12 metros, indicou a responsable da Área de Urbanismo, Berta Rosón.

A modificación do Plan Parcial someterase a información pública durante un mes. Ademais, solicitarase á Consellería de Medio Ambiente a declaración da non necesidade de someter este cambio ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

Compartir: