XUNTA DE GOBERNO

O Concello impón varias penalizacións por retrasos nas obras

13/07/2010 A Xunta de Goberno acordou impoñer tres penalizacións por retrasos en varias obras imputables ás empresas adxudicatarias das mesmas. As obras afectadas son as da rúa Campo das Hortas, rúa da Trindade e calzada de San Pedro. En total, as penalizacións suman un total de 38.362 euros.

No caso das obras de reurbanización da rúa Campo das Hortas, a penalización é de 17.675 euros, establecida a razón dun euro diario por cada mil euros de prezo do contrato. O prazo de execución da obra eran dous meses, pero houbo unha demora imputable ao contratista de 104 días naturais.

Malia validar unha ampliación do prazo do contrato de urbanización da rúa Trindade ata o 18 de xuño, o Goberno local determinou que o adxudicatario demorou inxustificadamente o remate da obra 116 días. Por iso, a penalización imposta é de 12.895 euros.

A terceira obra con retraso foi a da reurbanización da calzada de San Pedro. Neste caso amplíase o prazo ata o 30 de xullo pero, aínda así, constatouse unha demora de 26 días naturais por causas imputables ao contratista. Por isto, penalízase ao mesmo con 7.791 euros.

Tamén en materia de contratación, iniciouse o expediente para por procedemento para elixir a empresa que se fará cargo do Servizo de Asesoramento e Colaboración na Inspección Fiscal dos Tributos do Concello de Santiago 2010, cun tipo de licitación de 224.200 euros/ano, IVE incluído.

O Goberno local iniciou igualmente o procedemento para contratar o Servizo de Asistencia Xurídica ao Concello de Santiago de Compostela. Establécese un importe máximo anual de 100.000 euros/ano, garantindo o Concello uns ingresos mínimos anuais de 30.517 euros, IVE incluído en ambos casos. Do importe máximo anual, 21.186 euros corresponderán a traballos executados durante o ano 2010.

Transporte metropolitano
No ámbito de Transportes, aprobouse o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Santiago. Este documento establece as bases da colaboración entre os Concellos e a Xunta para desenvolver o Plan de Transporte Metropolitano da Área de Santiago de Compostela.

Entre outros aspectos, o convenio regula cuestións como as infraestruturas (marquesiñas e áreas de estacionamento de autobuses), promoción ou política de tarifas. O convenio terá vixencia ata o 31 de decembro de 2015 e afecta a unha área de 178.236 habitantes dos concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

Documentos relacionados



Compartir: