EMPREGO

Os días 7 e o 8 de outubro celebrarase a primeira Feira do Emprego de Santiago

12/07/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, que se celebrará o 7 e o 8 de outubro no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (CERSIA), situado en San Lázaro.

A súa finalidade desta I Feira do Emprego é servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Preténdese así posibilitar un intercambio de información, contribuír a un mellor coñecemento do mercado laboral por parte de todos os axentes implicados e, en definitiva, facilitar os procesos de inserción laboral.

Para a consecución destes obxectivos:

- Facilitarase o contacto entre empregadores/as e demandantes de emprego.
- Transmitirase información sobre os perfís e competencias profesionais con máis demanda no mercado.
- Proporcionarase asesoramento sobre os procesos de busca de emprego.
- Difundiranse ofertas de emprego.
- Facilitaranse os procesos de selección en base a un traballo previo de intermediación laboral.
- Informarase sobre as axudas á contratación, especialmente daqueles colectivos con maiores dificultades de inserción.
- Crearanse liñas de actuación conxuntas entre empresas e entidades comprometidas co fomento do emprego.

Enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela (PLE), a I Feira do Emprego está organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e conta coa colaboración das entidades que integran o PLE. A feira está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego, residentes en Santiago de Compostela, e a empresas que precisen incorporar persoal. As persoas e entidades interesadas en participar, poden informarse e inscribirse no espazo web da feira www.feiradoempregosantiago.org. A participación é gratuíta.

Área de demandantes
As persoas desempregadas ou que busquen mellorar as súas expectativas laborais poden inscribirse na I Feira do Emprego cumprimentando o formulario que atoparán en www.feiradoempregosantiago.org, no apartado Área de demandantes. Pídense datos como nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, situación laboral, ocupacións nas que lle gustaría traballar e currículo.

Estes datos serán filtrados e cotexados coas demandas das empresas (sempre seguindo a normativa vixente de confidencialidade) por persoal do Servizo de Intermediación Laboral, pertencente á organización, que seleccionará as ofertas de emprego que máis se adecúen ao perfil da/o solicitante. Nas dúas semanas previas á I Feira de Emprego, a organización porase en contacto coas persoas interesadas para indicarlles a data e hora da/s entrevista/s concertada/s coas empresas ofertantes.

Área de empresas
O obxectivo da I Feira de Emprego é facilitarlle ás empresas candidatos axeitados aos perfís que demandan. A participación é de balde e garante a comodidade, axilidade e eficacia dos procesos de selección. Durante a feira, a empresa e/ou entidade terá á súa disposición:

- Expositor amoblado no que mostrar información como actividades, programas de emprego e prácticas.
- Espazo acondicionado para a realización de entrevistas individuais cos/coas candidatos/as preseleccionados/as.
- Presentación e publicidade da empresa nas xornadas, na páxina web da I Feira do Emprego e en todos os documentos promocionais.
- Secretaría técnica da organización da feira que se encargará da loxística, asesoramento e atención á empresa.
- Servizo de intermediación laboral que realizará a preselección de candidatos/as atendendo aos perfís e competencias profesionais que requira a empresa.

As empresas interesadas en participar, poden inscribirse cumprimentando o formulario que atoparán en www.feiradoempregosantiago.org, no apartado Área de empresas. Pídense datos como nome da empresa e/ou entidade, nome e apelidos da persoa encargada da tramitación, cargo, teléfono, correo electrónico e postos solicitados. Unha vez enviado o formulario, a organización contactará coa empresa para concretar os detalles do proceso.

Actividades
A I Feira do Emprego contará cunha zona de empresas, na que se colocarán os expositores das empresas participantes; unha zona para as presentacións das súas actividades e/ou produtos; e unha zona para conferencias, mesas redondas e obradoiros, na que está previsto abordar aspectos como as novas tecnoloxías e as redes sociais na busca de emprego, competencias clave para desenvolvemento profesional, a responsabilidade social empresarial, sectores estratéxicos a nivel local para o fomento do emprego, etc. Ademais, durante a feira, a cidadanía e as empresas poderán coñecer o Servizo de Intermediación Laboral e o Servizo de Orientación Laboral que dende hai tempo ofrece a Concellaría de Promoción Económica e Emprego.

Direccións relacionadas



Compartir: