CONSORCIO

Vinte e catro canteiros amosaron a súa destreza na talla dunha lousa de granito

10/07/2010 Celebrouse na praza do Obradoiro o II Concurso Canteiros no Obradoiro, organizado polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral de la Construcción. Participaron 24 canteiros procedentes de diferentes puntos de Galicia. O gañador foi José Manuel Pérez Fontán, de Pontevedra.

Partindo dunha prancha irregular de granito de 80×50x20 os canteiros demostraron a súa destreza á hora de tallar unha lousa de granito, similar ás que conforman o pavimento da Cidade Histórica de Santiago. Houbo un primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 400 euros, que foron para José Manuel Pérez Fontán, de Pontevedra; Xosé Calviño Doval, de Rodeiro (Pontevedra) e José Crespo, de Pontevea, respectivamente. Ademais, entregáronse seis accésit a Francisco Cao, Gonzalo Millán, Raúl Pereira, Eusebio Travieso, Daniel Soutullo e Santiago Crespo.

A proba tiña unha duración máxima de seis horas e o xurado tivo en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo, así como a organización e limpeza do posto de traballo.

Logo da proba tivo lugar a cerimonia de entrega de premios, que comezou cunha visita das autoridades ás pezas traballadas durante o concurso. A continuación, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou o premio.

Sánchez Bugallo avogou por "impulsar a recuperación deste tradicional oficio, do que en Galicia temos grandes profesionais". Salientou a "notable mellora" dos traballos con respecto á anterior edición e indicou que "a preservación do noso patrimonio histórico implica a conservación das técnicas tradicionais da construción. O resultado da pedra traballada a man non ten comparación co traballo dunha maquinaria".

Canteiros no Obradoiro enmárcase nas iniciativas encamiñadas á difusión e revalorización dos oficios relacionados coa rehabilitación promovidos polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral de la Construcción e vincúlase de forma especial ao programa A Pedra que pisas, posto en marcha en 2007 polo Consorcio de Santiago para o mantemento e conservación dos lousados da Cidade Histórica. Cada unha das lousas do concurso será empregada polo Servizo de Mantemento dos Pavimentos da Cidade Histórica.

Compartir: