ALCALDÍA

Os adxudicatarios das vivendas de promoción pública en aluguer de Salgueiriños recibiron as súas chaves

09/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu á entrega de chaves aos adxudicatarios das vivendas de promoción pública en réxime de aluguer de Salgueiriños, na rúa Manuel María. No acto tamén participou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

Esta promoción comprende 54 pisos, dos cales 22 se entregan en compra-venda e 32 en réxime de aluguer. 13 deles son de dúas habitacións, 26 de tres dormitorios, cinco para persoas con mobilidade reducida e o resto de catro habitacións. Neste acto, unicamente se entregaron as 32 vivendas en aluguer.

O alcalde lembrou que as vivendas son froito dun convenio firmado nos anos 90 entre a Xunta e o Concello grazas ao cal se construíron sete polígonos de vivenda protexida en Santiago. Das vivendas sociais incluídas neste convenio, queda por entregar un bloque no Castiñeiriño.

As vivendas que agora ocuparán os seus propietarios sitúanse nun espazo, en Salgueiriños, dixo o alcalde, "de enorme calidade ambiental", onde ademais "se está a traballar na recuperación do leito do río e construírase unha escola infantil".

Felicitou aos adxudicatarios porque, "a pesar da demora na entrega, que foi máis longa do previsto, o resultado pagou a pena".

Compartir: