ALCALDÍA

O estacionamento de borde de Santa Marta ofrece xa 340 prazas e unha boa conexión co centro a través do autobús urbano

09/07/2010 Púxose en marcha o aparcadoiro de borde de Santa Marta, situado entre as rúas Feliciano Barrera Fernández, Julia Minguillón e As Trece Rosas. Por 1,5 euros, os usuarios poderán estar estacionados durante toda a xornada. A capacidade é de 340 prazas, sete delas para minusválidos.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a posta en marcha desta aparcadoiro, que busca posibilitar o estacionamento dos turismos que acceden habitualmente ao centro dende a autoestrada e dende as estradas N-550 e AC-543, facilitando o acceso dos usuarios á cidade, ben a pé, ou utilizando as liñas de transporte urbano. Esta situación na entrada sur da cidade, un dos puntos de maior circulación, reverterá sen dúbida nun descenso da entrada de vehículos e, polo tanto, nunha mellora da circulación do centro urbano.

Para que os usuarios poidan acceder con facilidade ao centro da cidade, darán servizo a este aparcadoiro as liñas 1 e 2, con parada na avenida da Liberdade, e as Circulares C2 e C4, con parada na rúa Feliciano Barrera Fernández.

Este aparcadoiro vixiado funcionará dende as 7:30 ás 22:30 horas, de luns a venres laborables, e os sábados laborables dende as 7:30 ás 14:30 horas. Unha vez posta en marcha a superficie, estudaranse posibles modificacións nos horarios para adaptalas ás necesidades dos usuarios.

As 340 prazas están distribuídas nunha superficie aproximada de 9.000 metros cadrados. O acondicionamento da parcela para convertela en estacionamento supuxo un investimento de 153.001 euros máis IVE.

Cómpre recordar tamén que o servizo de cobro e control dos accesos do aparcadoiro realizarao a empresa LIMCO, Sociedade Cooperativa Galega de Integración Social, un centro especial de emprego sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é fomentar a integración laboral de persoas con discapacidade.

Compartir: