COMERCIO

O Concello destina máis de 50.000 euros a actividades de promoción e dinamización comercial

08/07/2010 O 19 de xullo remata o prazo de prsentación de solicitudes da convocatoria de Subvencións á realización de actividades de promoción e dinamización comercial, da Concellaría de Promoción Economica, Emprego, Comercio e Turismo.

Estas as axudas, que contan cun orzamento de 52.650 euros, teñen como obxectivo potenciar actuacións de formación e capacitación comercial, promover a creación de novas iniciativas comerciais, contribuír á creación de espazos de paseo e ocio na cidade, e promover melloras para os comercios en activo en catro áreas: na implantación de sistemas de calidade, en novas liñas de negocio, en atención ao público e en aforro enerxético e desenvolvimento sostíbel.

Pódense beneficiar destas axudas as asociacións de comerciantes ou calquera outra entidade representativa de pequenas e medianas empresas comerciais, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, teñan a súa sede social e ámbito de actuación no Concello de Santiago e que non estean integradas por empresas comerciais que operen en mercados municipais suxeitos a concesión administrativa. A porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50% do custe máximo subvencionable co límite de 15.000 euros por cada asociación/entidade solicitante.

As Bases reguladoras da concesión de subvencións á realización de actividades de promoción e dinamización comercial no Concello de Santiago, que se poden consultar na páxina web de Promoción Eocnómica, www.maiscompostela.org, establecen como actuacións subvencionables as realizadas e pagadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2010. É dicir, o 15 de novembro será a data límite para executar e xustificar as actuacións que fosen obxecto da subvención. Considéranse subvencionables as actuacións relacionadas coa fidelización de clientela, coa potenciación das distintas tempadas comerciais do ano, coa implantación ou mantemento de servizos de apoio ao comercio retallista, con actuacións de dinamización comercial na rúa e actuacións que teñan como obxectivo a promoción e dinamización do comercio retallista.

As persoas, comercios e entidades interesadas poden obter máis información nas oficinas de Promoción Económica e Comercio, localizadas no Estadio de San Lázaro, porta 9; no teléfono 981 542 493; ou en www.maiscompostela.org. O horario de atención ao público é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas.

Compartir: