PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Unha mostra fotográfica amosa o valor único das Cidades Patrimonio da Humanidade

07/07/2010 A Casa das Asociacións acollerá ata o 31 de agosto a exposición fotográfica Cidades Patrimonio da Humanidade. Trece xoias de España. Esta mostra, organizada por La Fábrica e co patrocinio de Caja Duero, exhibe o retrato que destas cidades realizou o fotógrafo José Manuel Navia.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta exposición, que nace tamén acompañada dun libro. O proxecto destaca o valor único e excepcional desas cidades a través dun percorrido fotográfico da man de Navia, quen soubo unir o valor histórico e contemporáneo de Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivisa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Partindo da tradición romántica de viaxe cultural, o fotógrafo descobre currunchos ao azar. A súa mirada intimista e poética adivíñase en cada unha das fotografías, esforzándose por transcender as clásicas postais da nosa paisaxe. Fotografías tomadas a distancia, para achegarse á humanidade que hai tras a pedra. Destacado fotógrafo por ser un mestre no emprego de cor e do encadre, por conseguir trasladarlle ao espectador máis aló da realidade, Navia invita a percorrer rúas, murallas, obxectos, paisaxes, persoas que compoñen unha realidade insuperable.

O percorrido desta exposición, que recolle unha selección de 78 imaxes en cor de diferente formato e un audiovisual, arrincou en setembro de 2008 en Ávila. Agora chega a Santiago e logo irá a Tarragona e Segovia, tras pasar polo resto de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

José Manuel Navia
José Manuel Navia (Madrid, 1957). Licenciado en Filosofía (1980), é un fotógrafo que evoluciona dende o seu traballo como reporteiro cara a una fotografía máis persoal e demorada ao que, ademais, lle obsesiona a capacidade da fotografía para suxerir historias e a súa relación coa literatura.

Colaborador nos máis destacados medios de prensa, é membro da axencia Vu (París) dende 1996. Publicou en diferentes coleccións, e son os seus libros e exposicións os que dan conta das súas imaxes, tales como: a monografía Navia (PhotoBolsillo), Pisadas somnámbulas: lusofonías; Marruecos, fragmentos de lo cotidiano; Desde la Catedral; Territorios del Quijote; Viaje a la historia; Antonio Machado, miradas; así como as exposicións e libros colectivos Vu’15 ans, Viaje a Madrid, Diez Miradas, 100 fotógrafos españois; Visiones de Marruecos o Agence VU galerie.

Compartir: