TURISMO

A terceira edición de "Santiago(é)Tapas" alcanzou as 35.000 tapas consumidas por composteláns e turistas

07/07/2010 A terceira edición de Santiago(é)Tapas rematou o 4 de xullo con 35.000 tapas consumidas nos 56 establecementos participantes, que ofertaron 109 creacións distintas, segundo os datos que presentou o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Ademais, repartíronse máis de 9.000 Tapasportes entre composteláns persoas procedentes de toda Galicia, España e países como Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido, Portugal, EEUU ou Canadá.

Segundo Iglesias, con estes datos, o concurso continúa crecendo ano tras ano, consolidándose como un evento de referencia tanto para os propios composteláns, como para os turistas que visitan a nosa cidade en busca de boa gastronomía, tal é como amosa a evolución no consumo das tapas. No ano 2008 foron 20.000, no 2009 foron 27.000 e nesta edición 35.000. Para valorar correctamente o dato deste ano, segundo apuntou o concelleiro, hai que ter en conta o contexto de crise económica, que está reducindo os gastos na hostalería.

Unha das sinais do recoñecemento de Santiago(é)Tapas é que dous congresos de nivel estatal que se celebraron na cidade durante a celebración do concurso decidiron que unha das ceas na cidade consistise nunha ruta de tapas polos estabelecementos. A organización do congreso, coa colaboración do Santiago de Compostela Convention Bureau, proporcionaba Tapasportes aos congresistas, e uns bonos para que puidesen trocar en calquera dos estabelecementos do concurso. En concreto, repartíronse 500 Tapasportes aos participantes na Semana das Enfermidades Dixestivas e 300 aos participantes na Convención Nacional da Semana da Estrada".

O concurso repartiu 213 premios, entre aquelas persoas que completaron algunha das rutas do Tapasporte. Houbo sete persoas que completaron os 56 establecementos participantes, recibindo como agasallo un lote de viños máis neveira de Despensa Selecta – Saavedra Boado, valorado en 500 euros. Ademais, entregáronse ceas en restaurantes de Santiago, noites de hotel para dúas persoas nos establecementos AC Hotels de España, viaxes en Goleta Clásica polas Rías Baixas, lotes de produtos gastronómicos... Cómpre destacar que o 95% dos Tapasportes entregados incluían a selo tamén dalgunha das bebidas oficias do concurso, unha das novidades deste ano.

Gala Santiago(é)Tapas
O gañador do gran premio para o público, unha viaxe ao Caribe con sete noites de aloxamento para dúas persoas, ofrecido por Travelplan, coñecerase na Gala de Santiago(é)Tapas. A viaxe sortearase entre as sete persoas que completaron o Tapasporte e as 44 persoas que completaron o Gastrobingo, outra das novidades deste ano, para o que había que consumir as bebidas oficiais do concurso. A Gala terá lugar o xoves 8 de xullo, ás 19:00 horas, no Mercado de Abastos. Será presentada por Tomás Alonso, o popular xornalista de TVG que actualmente presenta o programa gastronómico Larpeiros.

Na Gala desvelarase o nome das tapas gañadores desta terceira edición. Por unha banda, hai tres premios outorgados polo Xurado, composto por cociñeiros, xornalistas, representantes de empresas e institucións, e nesta edición tamén pola persoa que foi seleccionada pola comunidade de internautas nun concurso que se desenvolveu no páxina do evento en Facebook. Tamén se entregarán dous premios do público: un á mellor tapa e outro á excelencia no servizo.

O Xurado oficial concederá o "Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa" do concurso, dotado con 2.500 euros, unha viaxe para dúas persoas a Praga e unha inserción publicitaria na revista "Culturall", o "Premio Asociación Hostelería Compostela á Segunda Mellor Tapa", dotado con 1.500 euros, e o "Premio La Casera á Terceira Mellor Tapa", dotado con 1.000 euros. O Xurado popular concederá o "Premio Turgalicia á Mellor Tapa do Público", dotado con 1.000 euros e "Premio (é)xcelente Caixa Galicia", no que se valorará o servizo do estabelecemento (profesionalidade, rapidez, amabilidade…), as instalacións do estabelecemento (limpeza, orde, conservación…) e a experiencia global dos clientes, cunha dotación de 500 euros. Ademais, sortearase entre os 56 establecementos participantes a inscrición completa para dúas persoas para o próximo Fórum Gastronómico de Girona 2011.

Libro de receitas
Unha das novidades máis importantes do concurso deste ano 2010 é a edición do Libro de Receitas Santiago(é)Tapas, un libro no que se recollen as 109 receitas tapas presentadas a concurso, con fotos de alta calidade de cada unha das tapas, e no que se inclúen tamén as tapas que resultaron gañadoras dalgún premio nas dúas edicións anteriores. Trátase dun libro colectivo que en case 300 páxinas sintetiza a creatividade gastronómica de Santiago de Compostela.

A publicación, presentada por Xosé Manuel Iglesias e o responsable comercial de Baía Edicións, Xoán Manuel Pazos, é unha coedición de Turismo de Santiago e Baía Edicións, que xa ten publicados varios libros sobre gastronomía. O libro está redactado en tres idiomas, galego, castelán e inglés, para que poda servir como unha ferramenta promocional de Santiago e a gastronomía da cidade. Editaranse 3.000 exemplares, que estarán á venda na oficina de información de Turismo de Santiago e en 400 librerías de toda Galicia e 300 do resto do resto do Estado.

Compartir: