XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o protocolo de pernocta nos pavillóns deportivos municipais

06/07/2010 A Xunta de Goberno aprobou o protocolo para o uso dos pavillóns polideportivos municipais como lugares de pernocta alternativos. Na mesma sesión, deuse o visto bo a diversas contratacións e autorizáronse as novas tarifas do servizo de taxi.

Ante a previsible presenza de milleiros de peregrinos na cidade nos meses de verán, adoptouse o protocolo para habilitar os pavillóns polideportivos municipais como lugares de pernocta. Os solicitantes deberán ser entidades sen ánimo de lucro e/ou grupos organizados non inferiores a 25 persoas.

O uso das instalacións implicará o pago do prezo público establecido cunha antelación mínima de 48 horas e a remisión dun listado nominal con DNI das persoas que pernoctarán. Salvo circunstancias excepcionais, que deberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno, ningún grupo poderá estar máis de dúas noites ocupando o recinto deportivo autorizado.

Estes recintos estarán vixiados en horario nocturno por un vixilante de seguridade ou conserxe, e o Concello atenderá a limpeza extraordinaria motivada por este servizo. En calquera caso, os grupos autorizados serán os responsables de calquera estrago que se poida producir na instalación. A tal efecto, efectuarase unha revisión previa e posterior á ocupación da instalación. Ademais, a modo de garantía, fíxase unha fianza previa que, no caso dos pavillóns situados fóra dos centros de ensino será de 228,04 euros e, nos dos centros de ensino, de 114,04 euros.

En canto ás normas de uso, non se permitirá o uso de fornos nin de ningún tipo de produción de lume no interior ou no entorno da instalación. Tampouco se poderá introducir bebida ou comida dentro da pista de xogo, nin consumir bebidas alcohólicas no interior do recinto. Tamén está prohibido fumar e o acceso de animais, e recoméndase non deixar elementos de valor ou diñeiro na instalación.

Transportes
En materia de Transportes, o Goberno local autorizou a modificación das tarifas do servizo de autotaxi, derivada da suba do IVE. A percepción mínima diúrna queda en 3,35 euros, polos 4,65 da nocturna e 3,95 euros para os festivos. O quilómetro percorrido queda 0,87 (diúrno), 1,31 (nocturno) e 1,09 euros (festivos). O servizo ao aeroporto de Lavacolla custará 19 euros.

En canto aos suplementos, establécese un prezo de 0,45 euros por maleta ou vulto, de 3 euros por bicicleta e de 3 euros tamén pro reserva de servizo.

Contratacións
Entre os asuntos da sesión ordinaria figuraban tamén diversos expedientes de contratación. Destaca a apertura dos expedientes para a contratación do subministro de mobiliario e equipamento para as dependencias da Policía Local (34.553 euros), da dirección facultativa das obras de reurbanización da rúa Home Santo de Bonaval (36.536 euros) e da dirección de execución media destas mesmas obras (36.536 euros).

Tamén se adxudicou o servizo de valoración das ofertas presentadas á licitación das obras de reforzo de firme das vías públicas municipais 2010 (2ª fase), por importe de 21.234 euros. Provisionalmente, determinouse a empresa que se fará cargo da explotación da cafetería da Granxa do Xesto, que aboará ao Concello un canon de 9.597 euros/ano e explotará a cafetería por un prazo de 3 anos, susceptible de prórroga. Finalmente, adxudicouse provisionalmente o servizo de conservación e mantemento do parque de Salgueiriños, reservado a centros especiais de emprego, por 86.107 euros.

Participación Cidadá
Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno foron as bases das subvencións ás asociacións veciñais para 2010, cun orzamento de 65.000 euros. Estas axudas están destinadas ao desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral e sectorial e para o mantemento de equipamentos.

Medio Ambiente
Aprobáronse igualmente as bases e un orzamento de 8.000 euros destinado ás subvencións para plantacións forestais en montes do Concello de Santiago. O obxecto destas achegas é contribuír a sufragar as plantacións forestais polos particulares e asociacións.

Cidade Histórica
No eido de Cidade Histórica, aprobáronse definitivamente 32 axudas, por un importe total de 119.144 euros, para a rehabilitación de vivendas e locais. Os inmobles afectados están nas rúas San Pedro, Algalia de Arriba, Preguntoiro, San Clemente, Raxoi, Mazarelos, Rosario, Castiñeiros, Pescadería Vella, Ensinanza e ruela das Fontiñas.

Festas
Finalmente, aprobouse un orzamento de 338.515 euros para a celebración das festas do Apóstolo. O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentará o programa nunha rolda de prensa prevista para o mércores 7 de xullo.

Documentos relacionados



Compartir: