ALCALDÍA

Os Institutos Históricos de Galicia poñen en valor o seu patrimonio

06/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, recibiron en Raxoi os participantes nas IV Xornadas de Institutos Históricos: cultura, educación e patrimonio.

Estas Xornadas, que se desenvolven do 5 ao 8 de xullo en Compostela e outros espazos de Galicia, buscan a recuperación e conservación dos fondos dos Institutos Históricos e a divulgación e utilización didáctica do seu patrimonio material, documental, instrumental e bibliográfico. Trátase tamén de establecer canles de colaboración entre os institutos que conformaron a rede do ensino secundario público para o seu uso didáctico polos estudantes dos centros de ensino.

Participan neste encontro os IES Xelmírez (Santiago de Compostela), Salvador de Madariaga (A Coruña), Lucus Augusti (Lugo), Otero Pedraio (Ourense) e Sánchez Cantón (Pontevedra).

A defensa do patrimonio histórico, a súa utilización didáctica e a necesidade de coordinar os centros educativos que dispoñen de bibliotecas ou de arquivos educativos históricos, está ben reflectida nos últimos anos, non só pola importancia que a estes temas lle concede a revista CEE Participación Educativa, que dedica en todos os seus números unha atención especial a este tema, senón tamén polas actividades que se veñen desenvolvendo baixo esta temática. Un exemplo é o curso sobre O patrimonio histórico científico dos IES como recurso didáctico nas Ciencias para o Mundo Contemporáneo, programado pola UNED para o curso 2009-2010, ou o proposto no Coloquio Internacional CEIMES co título A historia da ensinanza das ciencias na Educación Secundaria, celebrado o 27 e o 28 de novembro de 2009 na Comunidade de Madrid.

Compartir: