REAL FILHARMONÍA

Ros Marbà dirixe O Mesías de Haendel coa Real Filharmonía de Galicia

20/12/2005 O xoves 22 de decembro ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, baixo a dirección do mestre titular Antoni Ros Marbà, dirixirá O Mesías de Haendel.

A soprano Joan Rodgers, a contralto Hilary Summers, o tenor Agustín Prunell Friend, o baritono David Wilson-Johnson e o Cor de Cambra del Palau de la Musica, acompañarán á RFG.

En xullo ou agosto de 1741 Charles Jennes (1700-1773), entregou a Haendel o libreto dun novo oratorio titulado Messiah –O Mesías–, con textos tomados integramente da Sagrada Escritura, tanto do Antigo Testamento, como do Novo. O tema xenérico era o da salvación do xénero humano polo Mesías e estaba dividido en tres partes: o anuncio do Mesías e o seu nacemento, o sacrificio de Cristo na cruz e o seu triunfo no ceo. O tema apaixonou a Haendel, quen compuxo a música nun tempo tan incribelmente breve, que quedou desde entón como proverbial: tres semanas e un día para compoñer unha das obras musicais máis excelsas de toda a historia da música.
Despois de varias dificultades e algún atraso, O Mesías estreouse en Dublín o 13 de abril de 1742. O éxito foi apoteótico. O mesmo triunfo acompañou a segunda interpretación, o 3 de xuño.

Joan Rodgers, soprano
Joan Rodgers ofreceu recitais por toda Europa e Estados Unidos: Londres, París, Viena, Ámsterdam, Moscova e Nova York, e cantou en concertos dirixidos por figuras tan destacadas como Solti, Barenboim, Mehta, Rattle, Harnoncourt, Mackerras, Ashkenazy, Salonen e Rattle. É tamén unha asidua invitada ao BBC Proms, e traballa con regularidade coas principais compañías de ópera de Gran Bretaña, Europa e Estados Unidos: Royal Opera House, English National Opera, Glyndebourne e outras.

Gravou a triloxía da Ponte de Mozart, con Daniel Barenboim e a Berlin Philharmonic; The Turn of the Screw; os solos de Tchaikovsky, Mozart e Wolf; A Creación, e cancións de Rachmaninov, con Howard Shelley.

Recibiu o Royal Philharmonic Society Award como Cantante do Ano en 1997, e o Evening Standard Award do mesmo ano pola extraordinaria calidade da súa interpretación operística. Na New Year’s Honours List de 2001, foille outorgada a Cruz do Imperio Británico.

Compartir: