ALCALDÍA

Concello e Xunta poñen en marcha un programa de información e orientación laboral dirixido a inmigrantes

02/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, asinaron no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración no que o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia acordan realizar un programa dirixido a orientar a inmigrantes de cara á súa inserción laboral e que conta cun orzamento total de 90.000 euros.

O convenio ten por obxecto establecer os mecanismos de colaboración para o desenvolvemento dun programa de información, orientación e inserción sociolaboral dirixido a inmigrantes, coa finalidade de facilitar a súa integración social.

O programa, que está dirixido a inmigrantes, consistirá no funcionamento dunha unidade de información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral por parte do Concello que desenvolverá as seguintes actuacións:

1.- Informar as persoas inmigrantes sobre a súa situación xurídica e trámites administrativos a realizar. Neste sentido, asesorará na tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar, e calquera outros trámites administrativos que estas persoas precisen, así como sobre as posibles prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que tivesen dereito.

2.- Facilitar todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral e outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten a súa inserción no mercado laboral.

3.- Promover a incorporación dos inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria, incluso a través de intervencións individuais e familiares.

Para a execución deste convenio, que ten un orzamento de 90.000 euros, a colaboración entre as partes interviñentes para a súa execución faise de acordo coa seguinte distribución: a Secretaría Xeral da Emigración achegará, dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2010, a cantidade de 60.000 euros. Estas achegas serán destinadas a sufragar os gastos correntes necesarios para o funcionamento da oficina.

O Concello de Santiago de Compostela fará unha achega de 30.000 euros para o funcionamento de dita oficina en recursos materiais e humanos necesarios para levar a cabo as actuacións sinaladas anteriormente, e responsabilizarase e asumirá a coordinación total deste programa. O convenio terá os seus efectos dende a súa sinatura ata o 31 de decembro de 2010.

Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2009 o Concello de Santiago de Compostela ten censados un total de 4.264 estranxeiros, aos que hai que engadir os emigrantes retornados e os seus descendentes.

Compartir: