TURISMO

Último fin de semana de "Santiago(é)Tapas"

02/07/2010 A terceira edición de Santiago(é)Tapas chega a súa derradeira fin de semana nesta edición especial con motivo do Ano Santo Compostelán, na que se ampliou a duración do concurso de 17 a 24 días e se introduciron múltiples novidades.

O 8 de xullo, o Mercado de Abastos acollerá a Gala de Clausura de Santiago(é)Tapas, na se desvelará o nome das tapas gañadoras nas diferentes categorías. Por unha banda, hai tres premios outorgados polo Xurado, composto por cociñeiros, xornalistas, representantes de empresas e institucións e, nesta edición, tamén pola persoa que foi seleccionada pola comunidade de internautas nun concurso que se desenvolveu no páxina do evento en Facebook. Tamén se entregarán dous premios do público: un á mellor tapa e outro á excelencia no servizo.

O Xurado oficial concederá o "Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa" do concurso, dotado con 2.500 euros, unha viaxe para dúas persoas a Praga e unha inserción publicitaria na revista Culturall, o "Premio Asociación Hostelería Compostela á Segunda Mellor Tapa", dotado con 1.500 euros, e o "Premio La Casera á Terceira Mellor Tapa", dotado con 1.000 euros. O Xurado popular concederá o "Premio Turgalicia á Mellor Tapa do Público", dotado con 1.000 euros e o "Premio (é)xcelente Caixa Galicia", no que se valorará o servizo do establecemento (profesionalidade, rapidez, amabilidade…), as instalacións do establecemento (limpeza, orde, conservación…) e a experiencia global dos clientes, cunha dotación de 500 euros.

Na Gala do Mercado de Abastos tamén se coñecerá ao gañador do gran premio para os amantes das tapas nesta edición: unha viaxe ao Caribe para dúas persoas, con sete noites de aloxamento en hoteis de catro e cinco estrelas, ofrecido por Travelplan. Participarán no sorteo as persoas que completen as cinco rutas e tamén aquelas que completen o Gastrobingo, unha das novidades deste ano. Ao consumir unha bebida oficial do concurso, o establecemento entregará un adhesivo que se pegará nunha tarxeta incluída dentro do Tapasporte, composta por 24 casiñas diferentes. O obxectivo é cubrir toda a tarxeta, para o cal as persoas poden cambiar os adhesivos que vaian conseguindo.

Santiago(é)Tapas é un evento organizado por Turismo de Santiago e promovido polo Concello de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela. O patrocinador privado principal é Estrella Galicia e o patrocinador institucional principal é Turgalicia. Como copatrocinadores ten a La Casera, Travelplan e a Asociación Hostelería Compostela.

Compartir: