EDUCACIÓN

Comezaron as actividades na Escola Municipal de Verán de Inglés

02/07/2010 A Escola de Verán de Inglés (English Summer School), organizada pola Concellería de Educación, botou a andar no IES Rosalía de Castro. Estará aberta ata o 30 de xullo.

Na segunda xornada desta Escola, a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, visitou as diferentes aulas nas que se desenvolven as actividades entre as 9:00 e as 14:00 horas. Foi momento para intercambiar impresións sobre como foi o curso e sobre as aspiracións de aprendizaxe e lecer nesta English Summer School.
A Escola Municipal de Verán de Inglés combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, cun dobre obxectivo: practicar e mellorar o inglés dos alumnos e procurar novas relacións socializadoras entre eles. As xornadas divídense en tres bloques: un primeiro coa clase de inglés, a modo de reforzo do aprendido durante o curso escolar; unha segunda parte de obradoiros adaptados a cada nivel; e un terceiro bloque con actividades lúdicas diversas.

Nos obradoiros, impartidos integramente en inglés, igual que o resto de actividades, as opcións son, entre outros: elaboración dun libro, cancións, teen life, magazine, role plays, pintura ou cociña elemental. Entre as actividades, contémplanse saídas ao mercado, aos servizos do Concello ou á rede de museos; e xogos e deportes ao aire libre.

Para este mes de Escola, os alumnos contan, entre outros materiais, cunha mochila e cunha carpeta para gardar toda a información do curso. Tamén se repartirá unha guía didáctica, un manual para pais e nais e o pertinente diploma acreditativo de participación.

Compartir: