ALCALDÍA

A reurbanización da rúa Torreira permitirá crear 32 prazas de estacionamento

02/07/2010 O luns 5 de xullo comezarán as obras de reurbanización da rúa Torreira, financiadas no marco dos FES 2010. Esta actuación, presupostada en 327.962 euros, permitirá darlle unha aparencia urbana ao vieiro, que será de sentido único, creando beirarrúas e 32 prazas de estacionamento. A finalización da obra está prevista para finais de ano.

Destacou o alcalde, Xosé A. Bugallo, que a principal dificultade desta rúa radica na súa irregularidade, con distintas anchuras ao longo dos seus aproximadamente 400 metros. Outra dos problemas máis complexos son as infraestruturas para a recollida de augas pluviais, aspecto que, xunto á conexión co Avío, segundo anticipou, probablemente supoña ter que facer unha ampliación desta obra.

Nunha das marxes da rúa, que terá sentido único, situaranse as beirarrúas. Na outra, as 32 prazas de estacionamento –ata agora non existía ningunha-, entre as que se alternarán árbores. O carril para os vehículos terá unha anchura de 3,5 metros e construirase con asfalto brando, que evita o ruído.

En resumo, indicou o arquitecto Alfredo Varela, esta actuación daralle unha "sutura" urbana a esta rúa, cuxa configuración foi evolucionando ao longo dos últimos anos. Así, recordou o alcalde, no anterior Plan Xeral era zona rural, mentres que no actual PXOM xa está cualificado como área urbana.

Documentos relacionados



Compartir: