ALCALDÍA

Reforzo de quendas e equipos de traballo nas principais obras da cidade durante o verán

02/07/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que, tras falar coas empresas adxudicatarias, nos meses de xullo e agosto, vanse reforzar as quendas e os grupos de traballo das principais obras en marcha na cidade. O obxectivo é acelerar o ritmo para que estas actuacións estean rematadas antes de final de ano.

As obras afectadas por este reforzo serán en principio as dos accesos de Galeras e de Rosalía do Castro, aínda que tamén se contempla a mesma medida para a da rúa do Campo do Cruceiro do Gaio. Nestas obras, as quendas prolongaranse mínimo ata as 22:00 horas, e mesmo ata a media noite, e traballarase os sábados. Tamén as empresas van incorporar novos grupos de traballo.

Pasados estes dous meses, avaliarase se é preciso seguir con este reforzo das obras ou non. En calquera caso, indicou Sánchez Bugallo, "non se contempla que non se rematen en prazo. No caso do Cruceiro do Gaio, apuntou que a rúa deberá estar lista para o tránsito de vehículos en setembro, cando empece a funcionar o transporte escolar. Sobra as obras do túnel do Hórreo, afirmou que se mantén a previsión de que se poida circular en superficie a finais de xullo.

Recoñeceu o rexedor municipal que "agora empeza a fase álxida das obras", pero tamén a necesidade de realizalas. O Concello fará o maior esforzo posible de información e atención aos condutores, dixo, e mostrouse comprensivo coas queixas dos cidadáns.

Investimentos de Fomento en Santiago
A propósito da súa recente visita a Madrid para asistir á sinatura de convenios para a recuperación do Camiño de Santiago, Sánchez Bugallo recibiu do ministro de Fomento, José Blanco, a noticia de que a obra da autovía entre Santiago e Lavacolla non se vai rescindir. Considerou esta unha boa noticia, á vista dos recortes en materia de estradas, aínda que non descartou algún retraso, xa que "a prioridade nestes intres é rematar a Transcantábrica". Igualmente, mantense o compromiso de que os recortes orzamentarios non van afectar ás obras da terminal, do AVE ou da AP-9.

Tamén de Fomento chegou o anuncio EE que a rehabilitación da Casa do Cabildo terá unha subvención de 693.028 euros, o que supón o 65% do custo total do proxecto, fixado en 924.038 euros. Esta achega, a cargo do denominado 1% cultural, plasmarase nun convenio que se asinará en outubro.

Satisfactorios datos turísticos
Outro dos temas dos que falou o alcalde na súa rolda de prensa dos venres foi o turismo, en referencia aos últimos datos de rendibilidade ofrecidos por Exceltur. Nos mesmos, indicou, "constátase que o prezo medio da cama en maio subiu un 5,4% en maio, situándose xa nuns límites razoables". Neste sentido, recordou que en meses anteriores os prezos hoteleiros tiveran unha baixada moi importante para captar visitantes. Tamén se produciu unha suba do 31,5% na ocupación respecto a maio de 2009.

A falta dos datos de visitantes do aeroporto, tamén prognosticou que estes serán positivos. De feito, lamentou que en determinados momentos sexa difícil atopar billetes para viaxar a Santiago "porque os avións veñen cheos", e emprazou ás compañías a solucionar esta continxencia.

Pechados os aspectos esenciais da visita do Papa
Finalmente, preguntado polos detalles da visita do Papa en novembro, indicou que xa están pechados os aspectos esenciais da visita, tanto no que atinxe ao programa como ao dispositivo de seguridade. De feito -dixo- estase a traballar en como aloxar a todos os integrantes deste dispositivo.

Compartir: