ALCALDÍA

Santiago do Cacém acolle a presentación do programa Santiago-Une

30/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, viaxa a Santiago do Cacém, cidade portuguesa irmandada con Santiago, para presentar o programa Santiago-Une, incluído no Plan de Difusión Exterior de Compostela.

No marco desta Xornada de Encontro entre Cidades Irmandadas Santiago-Une, o alcalde inaugurará mañá xoves a praza Santiago de Compostela, acompañado polo presidente da Câmara Municipal de Santiago do Cacém, Vítor Manuel Chaves Caro Proença. A continuación, ambos mandatarios presidirán o acto de apertura da exposición Santiago une Europa.

Á exposición accédese por un arco que emula a Porta Santa, como sabemos soamente aberta cando é Ano Santo. Está conformada por 19 fotografías que fan un percorrido polos lugares e símbolos máis emblemáticos do Santiago Xacobeo, dende a chegada de dúas peregrinas a Lavacolla ata a entrada na Catedral, pasando polas rúas e prazas máis típicas da capital de Galicia. Amosa tamén o campus universitario, o esplendor dos fogos do Apóstolo, o Museo do Pobo Galego, a vida cultural da cidade...

Tras a visita á exposición comezarán as xornadas de traballo e debate. A primeira delas, moderada polo profesor da Universidade Católica de Porto, Arlindo Magalhaes, xirará entorno aos Centros Históricos e Camiño de Santiago. Intervirán na mesma o arquitecto do Concello de Santiago Javier Fernández, coa ponencia O centro histórico de Santiago de Compostela; Rui Parreira, técnico da Dirección Rexional de Cultura do Algarve, que falará sobre A importancia a autencidade na imaxe dos centros históricos; e Adeline Rucquoi, directora de investigación de ENRS.

Xa pola tarde, o profesor José Antonio Falcao, director do departamento de Patrimonio Histórico e Artístico da Diócese de Beja, pronunciará a conferencia O Camiño e o culto de Santiago no Baixo Alentejo, que dará paso á sesión de traballo vespertina. Esta versará principalmente sobre as ruínas de Miróbriga, ubicadas en Santiago do Cacém, e a súa conservación.

Inicio das xornadas
Aínda que o xoves 1 terá lugar o groso das xornadas, estas comezan hoxe mércores pola tarde na Sala de Sesións da Cámara Municipal. Na sesión de apertura intervirá o presidente da Asemblea Municipal de Santiago do Cacém, a concelleira de Participación Cidadá do Concello de Santiago de Compostela, Guadalupe Rodríguez; o presidente da Cámara Municipal de Santiago do Cacém, Vítor Manuel Chaves Caro Proença; e o secretario de Estado de Cultura, Elísio Sumavielle.

Santiago-Une
O proxecto ten por obxectivo, partindo da base da xénese medieval do Camiño de Santiago e o seu papel como integrador e promotor da identidade europea e os seus valores, amosar a súa potencialidade para ofrecer unha rede que reflexione sobre o futuro de Europa. Trátase de fomentar entre a cidadanía, a través de accións conxuntas, especialmente entre a mocidade, o diálogo intercultural que permita impulsar o sentido de pertenza á Unión Europea.

O Ano Santo 2010, de gran importancia para a cidade de Santiago, coincide co primeiro semestre de 2010 de Presidencia da Unión Europea. Ademais, Europa celebra o 60 aniversario da Declaración Schumann, que supuxo o primeiro paso cara á unión das cidades en busca dunha Europa única.

Tras estar presente en Narni, Asís, Bruxelas, Córdoba, Rennes e Ratisbona, o Concello de Santiago seguirá tratando de maximizar a colaboración de todas as cidades socias e que ata os seus cidadáns chegue a idea de coñecemento do Camiño como promotor de valores europeos e de unidade de Europa; así como parte da historia e do acervo cultural europeo, sendo o Camiño un dos alicerces fundamentais nos que este se cimentou.

As cidades socias de Santiago une a Europa son en Italia, Asís e Narni; en Portugal, Santiago do Cacém; en Francia, Rennes; en España, Córdoba e en Alemaña, Ratisbona.

Compartir: