MEDIO AMBIENTE

O comité directivo do proxecto Parques Urbanos Atlánticos-Parkatlantic constitúe o Laboratorio Virtual Urbano

30/06/2010 A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, xunto co xefe de Parques e Xardíns, José Antonio Mosquera, e o técnico de Medio Ambiente Ángel Pérez Otero, participarán na xuntanza ordinaria do Comité de Directivo do Proxecto Parques Urbanos Atlánticos-Parkatlantic, que terá lugar os días 1 e 2 de xullo no Hôtel de Ville d’Angers.

Na reunión de Angers, Elvira Cienfuegos dará conta da sinatura do contrato de subvención pola Autoridade de Xestión do Programa Espazo Atlántico, requisito imprescindible para poder iniciar os procedementos de contratación das asistencias técnicas para a secretaría técnica do Proxecto Parkatlantic, así como do plan de comunicación do Proxecto, contratacións ámbalas dúas que lle corresponden ao Concello de Santiago de Compostela na súa condición de xefe de fila do Proxecto.

O punto central da orde do día da xuntanza de Angers é a constitución do Laboratorio Virtual Urbano, que estará formado por dous especialistas en medio ambiente designados por cada un dos socios e que ten como principal cometido realizar un inventario e unha caracterización das redes de parques urbanos, que permita tamén unha delimitación precisa dos usos deses espazos, utilizando como ferramenta básica un sistema de información xeográfica (SIX).

Aos efectos de contribuír a definir a metodoloxía de traballo do Laboratorio Virtual Urbano, os técnicos da Concellaría de Medio Ambiente darán conta da experiencia de Compostela onde CESPA, a empresa concesionaria do mantemento dos parques e xardíns, vén de adquirir a aplicación XIS IGRID, instrumento que, en colaboración co Departamento Municipal de Parques e Xardíns, permitirá integrar e xestionar mediante un sistema gráfico enlazado a bases de datos a seguinte información:

• Elaboración do inventariado de zonas verdes (céspedes, elementos vexetais, sistemas de rego, parques infantís, medios humanos, medios materiais...)
• Xestión integral do mantemento (plan de mantemento, incidencias...)
• Xestión económica (custes de mantemento, de avarías, de combustibles....)
• Xestión xeográfica (xeoreferencias e xestión de planos)
• Web xeográfica, a información poderá publicarse total ou parcialmente para a consulta pública.

A implantación desta aplicación realizarase en catro fases, das que a 1 e 2 xa se están levando a cabo de xeito simultáneo:

• Fase 1. Transformación da cartografía das zonas verdes, da que se dispón na actualidade en formato CAD, a formato SHAPE (SHP), que é o sistema utilizado universalmente polas ferramentas SIX.
• Fase 2. Personalización da aplicación para que os menús, as ventás de información da aplicación, as bases de datos e outros elementos teñan campos adaptados ás zonas verdes de Compostela.
• Fase 3. Formación dos usuarios da aplicación.
• Fase 4. Introdución da información dispoñible na base de datos da aplicación.

Posta en valor dos parques urbanos
Cómpre lembrar que o obxectivo principal do Proxecto Parkatlantic, liderado por Compostela, é a posta en valor dos parques urbanos atlánticos e a potenciación da súa contribución ao desenvolvemento urbano sustentable. Neste sentido, trátase de avanzar nun modelo de cidades máis ecolóxico, no que haxa unha integración funcional dos parques, e que ademais, constitúan un atractivo turístico que complemente a riqueza cultural e a patrimonial das cidades.

Santiago é quen encabeza o proxecto, o que significa que foi o Concello que lanzou a proposta á que posteriormente se sumaron as outras cidades. Agora será Compostela a urbe que coordine o seu desenvolvemento e quen manteña a interlocución directa coa Unión Europea. Os outros catro socios de Parkatlantic (Porto, Limerick, Pau e Angers) partillan con Santiago as características de contar cun importante patrimonio histórico-artístico ou monumental, cunha importante rede de parques e espazos naturais. Urbes pequenas e medianas, sendo Porto a maior, case todas á beira dun río ou con lago, con elevados índices de zona verde por habitante, con importantes programacións culturais, case todas cidades universitarias e para as que o turismo é unha importante fonte de ingresos.

O orzamento total do proxecto ascende a 1.301.170 euros, a executar antes de decembro do 2012, o que supón un financiamento de fondos FEDER que ascende a 845.761 euros, dos que corresponderán 227.177 a Santiago. Parkatlantic abarcará actividades de análise, investigación, intercambio de coñecemento e experiencias e difusión.

Compartir: