XUNTA DE GOBERNO

Todo listo para o comezo das obras do estacionamento de Salgueiriños

29/06/2010 A Xunta de Goberno adxudicou definitivamente as obras de rehabilitación do aparcadoiro público en Salgueiriños, por importe de 348.000 euros. Tamén en materia de contratacións, iniciouse o procedemento para adquirir mobiliario para o futuro Centro Sociocultural de Santa Marta.

A adxudicación definitiva das obras do aparcadoiro de Salgueiriños implica que xa poden comezar os traballos. A actuación incluirá, entre outros aspectos, a delimitación do estacionamento, o seu valado, o establecemento das casetas de cobro ou a reposición do firme.

Cómpre recordar que esta actuación se realiza nunha das partes da explanada de Salgueiriños. Na outra, onde se sitúa o mercado dos xoves e a carón do río Corgo, tamén está en marcha outro proxecto para crear alí unha zona verde e de lecer.

Outra das contratacións sobre as que se falou na reunión do Goberno Local foi a do futuro Centro Sociocultural de Santa Marta, incluído nos FES 2010. Neste caso abriuse o procedemento de contratación do subministro de mobiliario e equipamento, cun tipo de licitación de 158.120 euros.

Tamén en materia de obras, pero respecto a unha en marcha dende hai meses, a da reurbanización da rúa Raxoi, a Xunta de Goberno tomou conta da data previsible de remate da mesma, o 16 de xullo. En calquera caso, o Concello está a tramitar as sancións correspondentes polos retrasos non xustificados desta actuación.

Capitalidade
Na mesma sesión deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello para sufragar os gastos derivados da súa condición de capital da Comunidade Autonóma de Galicia. A Xunta achega en virtude deste acordo 3.180.000 euros.

Comercio
En materia de Comercio, aprobáronse as bases reguladoras das subvencións á realización de actividades de promoción e dinamización comercial 2010, por importe de 52.650 euros. Ademais, deuse o visto bo á edición de verán do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2010, por 13.262 euros.

Documentos relacionados



Compartir: