FACENDA

A Concellaría de Facenda presenta uns orzamentos axustados ao plan de austeridade derivado da baixada de ingresos

28/06/2010 A Concellería de Facenda presentou á Xunta de Goberno Local o estado de ingresos e gastos consolidados do Concello, o Auditorio de Galicia e das tres empresas municipais -INCOLSA, TUSSA e EMUVISSA-, para a súa aprobación. O gasto consolidado queda fixado en 120.178.138,39 euros e os ingresos consolidados en 119.279.607,22 euros.

Segundo explicou a concelleira de Facenda, Rosa Fernández, apréciase un desequilibro inicial para absorber o remanente de tesourería negativo do exercicio de 2009. Este orzamento inclúe un investimento orzamentario de 20.194.032,91 euros, e está encadrado dentro do Plan de austeridade derivado da baixada de ingresos por mor da crise.

A edil resaltou que a demora na presentación destes orzamentos non supuxo en ningún momento unha paralización da cidade nin do funcionamento administrativo do Concello. Os investimentos financiados externamente, as actuacións do plan URBAN, cifradas en tres millóns de euros, e as do plan FEES, que representan un investimento de 9,6 millóns de euros, están en trámite de execución.

O orzamento presentado axusta á baixa os gastos de persoal, de persoal eventual e de cargos electos; que establece a amortización de 5 prazas de asesores e, así mesmo, a paralización da oferta de emprego público de 2010 e 2011. Nos gastos correntes practícase unha diminución do 9,12% con respecto aos créditos iniciais de 2009. O capítulo 4, de transferencias correntes, sofre unha minoración do 8,34%, na que se tivo especial coidado en manter e da prioridade ás achegas de contido social e de fomento do emprego.

Este orzamento preséntase dentro do plan de medidas extraordinarias que modifican o PEF (Plan Económico e Financeiro) vixente co obxectivo de adaptar as estimacións de ingresos e gastos e manter o equilibro orzamentario. O nivel de endebedamento contense como viña anunciando o goberno municipal, e só se prevé a operación xa autorizada polo pleno. É, polo tanto, un orzamento que mantén os servizos públicos básicos e no que o goberno municipal reflicte un programa de gastos extraordinario para o Xacobeo 2010, que se cuantifica en dous millóns de euros.

Compartir: