BENESTAR SOCIAL

Santiago acolle a reunión final do proxecto Grundtvig para a prevención da violencia

25/06/2010 O Concello de Santiago vén participando durante dous anos no programa europeo GRUNDTVIG "Look at yourself - parents toward situations causing aggression". Do 28 ao 30 de xuño celebrarase a última reunión plenaria deste proxecto, á que asistirán representantes das entidades dos outros tres países socios, que analizarán as conclusións desta iniciativa.

Desta reunión e do material común elaborado sobre as mellores prácticas de prevención da violencia falará en rolda de prensa a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, o vindeiro martes 29 de xuño. A continuación, a propia concelleira recibirá en Raxoi aos representantes das entidades socias participantes.

O obxectivo principal deste proxecto é educar os pais e nais na prevención da violencia. Por iso, traballouse para dar resposta a diversas cuestións relacionadas co modo de actuar como pais. As respostas proporcionan indicacións para que os pais e nais adquiran capacidades no manexo das propias emocións, tendo en conta que os seus fillos son un grupo con necesidades educativas específicas. O resultado final, tras analizar diversas experiencias, é un material común de sensibilización e para o traballo cos pais.

Segundo indica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, "despois de ter realizado unha análise de todas as experiencias, concluímos que recoñecer os patróns de violencia é fundamental para acadar outro xeito de educar, pero en moitas ocasións costa identificalos dentro dos hábitos dos pais. Unha sociedade que evoluciona ten que revisar as súas pautas educativas; a conduta violenta apréndese, e a primeira oportunidade para aprender positivamente témola no fogar".

Ademais do Concello de Santiago, a través da UMAD, os socios participantes neste proxecto son: Asociación Taurus (coordinadora) e Blind Foundation, de Polonia; Spazio Giovani, de Italia; e Organizatia Salvati CopiII filiala dolj, Save the Children, de Romanía.

Compartir: