PLENO

A Corporación demanda á Xunta a axilización das obras da Cidade da Cultura e a execución das súas conexións

24/06/2010 Na sesión ordinaria do Pleno municipal aprobouse unha moción instando á Xunta a rematar as obras da Cidade da Cultura e a conectar a mesma coa cidade. Tamén se deu o visto bo a outra demandando que se garanta o Plan Comunitario do Barrio de Vite.

Cos votos favorables do Grupo de Goberno e o negativo do PP, aprobouse unha proposición, presentada polo grupo municipal socialista, na que se insta á Xunta a "axilizar as obras de construción dos edificios pendentes, conforme ao proxecto inicial da Cidade da Cultura, marcando un calendario realista que non determine novas dilacións". Así, demándase á Consellería de Cultura que "abra ao público os edificios concluídos" e que "defina con claridade e contundencia os contidos e fins da Cidade da Cultura na súa totalidade".

A segunda parte da moción reclámalle á xunta que execute "as conexións coa cidade e a AP-9, conforme aos proxectos existentes, co obxecto de integrar a Cidade da Cultura no tecido urbano de Santiago de Compostela e coas vías de alta capacidade, garantindo deste xeito o éxito das instalacións".

Plan Comunitario de Vite
Outra moción aprobada cos votos a favor de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, foi a que insta á Xunta a "manter o convenio entre a Consellaría de Sanidade e a Coordinadora do Barrio de Vite e garantir a supervivencia do Plan Comunitario do barrio".

Na proposta denúnciase que a alternativa a o convenio de 70.000 euros anuais que se remonta ao ano 1992 é "unha subvención de proxectos puntuais en réxime de concorrencia competitiva con outros proxectos".

Retribucións da Corporación
Na mesma sesión deuse o visto bo ás retribucións dos membros da Corporación e do persoal eventual, atendendo ás minoracións propostas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Con efectos do 1 de xuño, aplicaranse as deducións salariais que, no caso do alcalde, alcanzan o 10%. A redución final é consecuencia de que o salario do alcalde está homologado co nivel retributivo dos conselleiros da Xunta e esta é a minoración anunciada para os mesmos. En canto aos concelleiros en réxime de dedicación exclusiva, a baixada é dun 8%, e a do persoal eventual un 5%, por estar estes homologados salarialmente con postos de funcionarios.

Plan Parcial do SUNP-8 do Sarela
Cos votos favorables do Grupo de Goberno e o negativo do PP, aprobouse definitivamente o Plan Parcial do SUNP-8 do Sarela. Este sector ocupa unha superficie de 37.900 metros cadrados, sobre a que se autoriza unha edificabilidade de 0,3, equivalente a 11.370 metros cadrados construídos. Esta edificabilidade distribúese en 9.570 metros cadrados de uso residencial unifamiliar, cun máximo de 56 vivendas, e 1.800 metros cadrados de uso terciario, localizados nun único bloque.

Resérvase unha superficie de 2.000 metros cadrados como sistema xeral de espazos libres, e outra de 600 metros cadrados como sistema xeral de equipamento comunitario. Cumpriméntanse os estándares legais con destino a espazos libres (13.940 metros cadrados), equipamento comunitario (1.140 metros cadrados) e prazas de aparcamento: serán 230 prazas, das que 59 se sitúan en solo de dominio público.

En canto á reserva de vivenda protexida, cualifícase con destino ao uso específico de vivenda de protección pública o 20% da edificabilidade residencial total autorizada no sector, o que supón unha superficie edificable de 1.194 metros construídos, é dicir, 19 vivendas.

Mellora da seguridade viaria na N-550
Finalmente, neste caso cos votos favorables do PP e a abstención de PSdeG-PSOE e BNG, saíu adiante unha proposición presentada polos primeiros na que se insta ao Ministerio de Fomento a que "tome as medidas oportunas co fin de reforzar a seguridade viaria na estrada N-550 ao seu paso polo termo municipal de Santiago de Compostela, especialmente entre os puntos quilométricos 51 e 58".

Compartir: