PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica e Emprego forma gratuitamente a coidadores familiares a través dun obradoiro de expresión artística

24/06/2010 O xoves 24 de xuño, de 16:00 a 20:00 horas, celébrase o segundo Obradoiro de expresión artística para coidadores/as familiares. Desenvolverase, igual que o celebrado o día 17, nas oficinas de Promoción Económica e Emprego situadas na rúa do Hórreo, 100. Está organizado por esta Concellería co obxectivo de formar ao colectivo en técnicas de artes plásticas que poidan utilizar coas persoas ás que coidan.

Este tipo de actividades, ademais de entretelos, traballan a compoñente emocional e motivacional dos/as pacientes, estimulando as súas percepcións e a activando os seus sentidos. Créanse así novos espazos emocionais e de comunicación, que contribúen a fomentar as súas habilidades sociais e a súa capacidade creativa.

Este obradoiro de expresión artística está dirixido a coidadores/as familiares. É gratuíto e conta con 30 prazas, divididas en dúas quendas de 15. Na realización empregaranse diferentes formas de expresión, como exercicios individuais e colectivos, que se irán intercalando. Impártese utilizando medios simples de expresión artística: auga, augada, pincel, papel, etc, co obxectivo de facilitar o uso do trazo e das cores.

Este obradoiro enmárcase no Proxecto Coidadores Familiares, pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci, no que participa a Concellaría de Promoción Económica. O seu obxectivo é establecer un protocolo común a nivel comunitario para acreditar profesionalmente ao/á coidador/a familiar e favorecer así a súa inserción laboral. Unha credencial profesional común a toda a Unión Europea facilitará a incorporación ao mercado laboral dun colectivo con expectativas de inserción difícil, no que a maioría de integrantes son mulleres, moitas delas maiores. Ademais, esta credencial axudará a cubrir a demanda que existe nun sector en plena expansión como é a axuda a domicilio ou os servizos ás persoas, con candidatas/os axeitadas/os que contan con experiencia.

Compartir: