CENTROS SOCIOCULTURAIS

Tres grupos de rock do programa Revelando Voces actúan no "MarRockzos"

24/06/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o responsable da programación de artes escénicas dos Centros Socioculturais, Adolfo Muíños, e o presidente da Asociación de Veciños de Marrozos, Emilio Cao, presentaron o concerto MarRockzos, que terá lugar a medianoite do sábado 26 no campo da festa da parroquia.

Segundo explicou Socorro García, o concerto xurdiu como complemento ao programa Revelando Voces, "que deu o salto aos Centros Socioculturais para darlles espazo aos novos grupos que xorden en Compostela para que accedan aos circuítos profesionais". Nesta edición do programa, do que dixo que está a dar "resultados de importancia", como o feito de que algúns dos participantes xa gravaron discos, "varios grupos de rock non tiñan cabida nas salas dos Centros Socioculturais", polo que "iniciamos un ciclo de concertos de verán coa colaboración das asociacións da diferentes zonas".

Escolleuse Marrozos, segundo a concelleira, "porque ten un espazo acaído e un movemento asociativo vivo e vizoso". Ademais, "é unha ocasión de coñecer unha parroquia estremeira do rural compostelán, descoñecida para moitos veciños da zona urbana". Sobre o MarRockzos, expresou o seu desexo "de que se converta nunha cita estable nos veráns".

Adolfo Muíños explicou que os tres grupos participantes, Tapiporla, Dogma1 e Royalties precisaban dun espazo para "despregar o seu potencial", nun contexto de "bastante protagonismo do rock" no proceso selectivo do Revelando Voces deste ano.

Dos grupos que tocarán o sábado salientou que os Royalties, que "se nutren da antiga formación dos Redullos", son veciños do Castiñeiriño e proceden da colleita da Casa Xurásica. Sobre Tapiporla, "exploran o rock alternativo e están a piques de gravar un disco", mentres que Dogma1 "tamén ten xente con experiencia no rock, aínda que é o máis novel dos tres" que actúan esta fin de semana.

Pola súa banda, Emilio Cao amosou a súa satisfacción polo acordo coa Concellaría, que permitirá aumentar as "accións máis lúdicas e festivas" da asociación de veciños. Así mesmo, convidou a veciñanza a asistir ao campo da festa de Marrozos nas horas previas ao concerto, onde se celebrará a festa de San Xoán cunha sardiñada.

Documentos relacionados



Compartir: