TURISMO

Máis de 17.000 tapas consumidas e 80 premios entregados nos primeiros dez días do concurso "Santiago(é)Tapas"

23/06/2010 A terceira edición de Santiago(é)Tapas está amosando que o evento é xa unha referencia tanto para os composteláns coma para os turistas que visitan a cidade. Nos primeiros dez días do concurso xa se consumiron 17.000 tapas nos 56 establecementos participantes no concurso. En 2009 consumíronse 27.000 tapas en total, nos 50 establecementos que participaron entón. Na primeira edición, a de 2008, foran 20.000 tapas.

Nesta edición, con motivo do Ano Santo, Turismo de Santiago decidiu ampliar a duración do concurso nunha semana, pasando de 17 a 24 días, e incluíu tamén novidades como as bebidas oficiais, o Gastrobingo, (é)copas ou o Tapasporte Express, concibido para que os turistas que veñen a pasar un par de días na cidade poidan gozar do concurso e levar algún agasallo por consumir tapas nos estabelecementos da cidade.

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou os primeiros lotes de viño máis neveira, valorados en máis de 500 euros, para as dúas primeiras persoas que completaron as cinco rutas de tapas, obtendo o selo de cada un dos 56 establecementos que participan nesta terceira edición de Santiago(é)Tapas. No acto tamén estivo presente Antonio Saavedra, de Despensa Selecta-Saavedra Boado, quen cede os lotes de viño máis neveira cos que se premia ás persoas que completen todos os estabelecementos do concurso.

O acto de entrega tivo lugar na oficina do concurso, situada na praza de Galicia. Nesta oficina, ademais destes dous primeiros premios, xa se teñen entregados un total de 80 agasallos ás persoas que teñen completado algunha das cinco rutas do concurso. Hai unha multitude de agasallos en función do número de rutas que se cubran: ceas en restaurantes de Santiago, unha noite de hotel para dúas persoas nos estabelecementos AC Hotels de España, viaxes en Goleta Clásica polas Rías Baixas, lotes de produtos gastronómicos...

O gran premio para os amantes das tapas nesta edición é unha viaxe ao Caribe para dúas persoas, con sete noites de aloxamento en hoteis de catro e cinco estrelas. Participarán no sorteo as persoas que completen as cinco rutas e tamén aquelas que completen o Gastrobingo, unha das novidades deste ano. Ao consumir unha bebida oficial do concurso, o establecemento entregará un adhesivo que se pegará nunha tarxeta incluída dentro do Tapasporte, composta por 24 casiñas diferentes. O obxectivo é cubrir toda a tarxeta, para o cal as persoas poden cambiar os adhesivos que vaian conseguindo.

Compartir: