CULTURA

As danzas contemporáneas de Galicia e Francia únense nas rúas de Compostela

23/06/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, acompañada da agregada cultural da Embaixada de Francia, Irina Petrescu, e do director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, deu a coñecer a programación da segunda edición do festival Entredanzas, un evento que achegará a danza contemporánea galega e francesa a través de espazos abertos da cidade.

Socorro García lembrou que é "difícil" achegar este tipo de espectáculos á xente, "e máis nos espazos habituais de tránsito e convivencia". Por iso, Entredanzas, un programa que se celebra cada dous anos e que acada a súa segunda edición, pretende encher ese oco "achegando producións galegas e dun país convidado". "O primeiro ano foi Portugal, agora Francia. Achegámonos ás manifestacións culturais de danza contemporánea dos países máis próximos, como un diálogo intercultural entre os dous países, entre dúas danzas".

O obxectivo é "dar a coñecer o que se fai aquí e abrir a porta á universalidade", e máis nun momento "difícil para a diversidade e de crise para as culturas minorizadas". Así, "dende a Concellaría de Cultura o noso obxectivo é poñer en valor esa diversidade cultural en igualdade co resto do mundo", explicou a concelleira.

No programa participarán sete compañías, catro francesas e tres galegas. Irina Petrescu resumiu a traxectoria das catro compañías francesas, "de moi diferentes procedencias e estilos". Así, de Käfig salientou o feito de ser unha das primeiras en potenciar o hip-hop en Francia. Sobre Umber Humber definiu o espectáculo como "movemento, mirada e paisaxe". De Astrakan destacou o seu interese "por espazos peculiares", mentres que Beau Geste caracterízase polas "coreografías cun matiz humorístico", e contará cunha vistosa representación na praza do Obradoiro.

Pola súa banda, Paulo Rodríguez dixo que as tres compañías galegas -Estela Lloves, Uxía P. Vaello e Entremáns- ofrecerán en realidade cinco espectáculos diferentes, pois as dúas últimas amosarán dous traballos, "porque tamén os nosos artistas teñen moita mobilidade xeográfica". "Case todos eles traballan na hibridación e entran en contacto cunha disciplina emerxente no noso país, grazas ao traballo do Centro Coreográfico Galego", explicou.

Todos os espectáculos son de entrada libre. A Concellaría de Cultura xa comezou a traballar na próxima edición de Entredanzas, que estará dedicada a Bélxica.

Documentos relacionados



Compartir: