PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Benvida veciñal ao verán cunha gran festa e unha mostra de traxes tradicionais galegos

22/06/2010 A II Festa do Solsticio de Verán deu a benvida á nova estación na Casa das Asociacións. Veciños e veciñas participaron nesta celebración lúdica e gastronómica e asistiron á apertura da exposición A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros, que poderá visitarse ata o 30 de xullo.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, inauguraron a mostra A indumentaria tradicional galega. O traxe de muros. A continuación, comezou a festa, que contou cunha gran sardiñada, cacharela e queimada. Para animar a noite, a música correu a cargo das pandeireteiras de Marantes e do grupo Van de Varanda. A maxia púxoa o Mago Xacobe e as bruxas e conxuros Teatro de Cámara Dítea.

A mostra A indumentaria tradicional galega. O traxe de Muros é obra da Agrupación Folclórica Ximiela, coa colaboración da Deputación da Coruña. Inclúe nove traxes rexionais, sete de muller e dous de home, en manequíns, representando a indumentaria tradicional das distintas comarcas galegas. En 19 paneis, en formato de 100 x 70 cm., exhíbense máis de medio centenar de traxes, propiedade da entidade cultural muradán.

Nos paneis, ademais da reprodución gráfica dos diferentes tipos de indumentarias, faise unha completa explicación da orixe e evolución histórica de cada unha delas, en función dos labores típicos, dos costumes, da tradición ou das diferentes condicións socioeconómicas da cada zona ou lugar. Ademais, exhíbese unha colección de roupas, traxes infantís, adornos, xoiería e unha ampla colección de bonecas.

Todos os traxes foron confeccionados pola Agrupación Folclórica Ximiela, de Louro (Muros). Esta asociación naceu hai dez anos coa intención de ocupar o ocio infantil na parroquia con clases de baile, instrumentación e canto, formando un grupo folclórico. O traxes iniciais dos grupos de baile e gaita eran correntes, e entón propuxéronse confeccionar elos mesmos unha indumentaria luxosa, partindo do afamado que era tradicionalmente o traxe de Muros. Agora exhiben unha pequena mostra, pois teñen preto de cen traxes para todos os seus bailaríns e músicos.

Esta exposición comezou a súa andaina en Muros, o verán de 2009. Dende entón percorreu as salas de exposicións dos concellos de Outes, Mazaricos, Negreira, Ames, Carnota, Cee, Ribeira, Santa Comba, Boiro, Cerceda e Oroso. Tamén representou á Deputación nun programa de intercambio cultural coa cidade portuguesa de Viana, permanecendo exposta un mes no Museo Nacional do Traxe de Portugal. En setembro levarase ao Parlamento Europeo. A Concellería agasallará ás asociacións con exemplares do catálogo desta exposición.

Compartir: