EDUCACIÓN

Unhas xornadas poñen en valor o patrimonio dos institutos históricos

22/06/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou as IV Xornadas de Institutos Históricos: cultura, educación e patrimonio, que se desenvolverán en Santiago e noutros espazos de Galicia do 6 ao 8 de xullo.

Estas Xornadas teñen como obxectivo recuperar e conservar os fondos dos Institutos Históricos e a divulgación e utilización didáctica do seu patrimonio material, instrumental e bibliográfico, segundo explicou a concelleira. Trátase tamén de establecer canles de colaboración entre os institutos que conforman a rede de ensino secundario público.

Acompañou a Mercedes Rosón na rolda de prensa o director do IES Xelmírez I, Xosé Mejuto, gran impulsor en Galicia da conservación do patrimonio dos institutos históricos. Xunto ao centro compostelán, participan nas Xornadas os institutos Salvador de Madariaga (A Coruña), Lucus Augusti (Lugo), Otero Pedraio (Ourense) e Sánchez Cantón (Pontevedra).

As Xornadas contarán con varios relatorios, entre eles, para abrir e pechar o encontro, respectivamente, os dos ex reitores Ramón Villares e Darío Villanueva. Ademais das distintas comunicacións, realizaranse diversas saídas didácticas a lugares como a zona monumental de Santiago, a Torre de Hércules, o Castro de Viladonga, as cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra ou os fondos museísticos dos cinco institutos. O martes de xullo, ás 14:00 horas, os participantes serán recibidos en Raxoi.

Tanto Mercedes Rosón como Xosé Mejuto recordaron o "enorme patrimonio" que actualmente ten o IES Xelmírez I, aberto a calquera investigador e curioso a través do seu museo, do seu arquivo e da súa biblioteca. Alí pode consultarse patrimonio documental, instrumental e bibliográfico, a miúdo descoñecido, pero clave para entender mellor a historia educativa do país.

Compartir: