MEDIO AMBIENTE

O Mercado entre Lusco e Fusco achegará a produción ecolóxica ao Parque de Belvís

21/06/2010 "Os mercados entre lusco e fusco son mercados de productos ecolóxicos e de proximidade que se van celebrar os martes no serán nas terrazas do Parque de Belvís". Así os presentou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, nunha comparecencia ante os medios na que estivo acompañada por Aurora Calviño, do colectivo Hortiña da Ponte.

A edil explicou que "a cooperativa de consumo responsable Eirado, xunto cos colectivos de produtores Hortiña da Ponte e Lentura, apoiados por Andaime, asociación de enxeñería social e ambiental, son os colectivos que impulsan este novo mercado tradicional periódico de produtos de tempada e de proximidade, que se completará cada certo tempo con produtos de comercio xusto e de troco".

Elvira Cienfuegos manifestou "o apoio decidido da Concellaría do Medio Ambiente a esta iniciativa que contribúe a aproveitar as potencialidades do parque de Belvís e tamén axuda a achegar á veciñanza, nun horario diferente, produtos sans e de calidade, cultivados de xeito respectuoso co ambiente", engadindo que "a produción agroindustrial avanza desprazando á produción tradicional e contribuíndo á perda da diversidade xenética, á uniformidade nos hábitos de alimentación e ao distanciamento entre o produtor e o consumidor, alongando as cadeas alimenticias".

Os mercados tradicionais
A concelleira de Medio Ambiente de Santiago lembrou tamén que "os mercados tradicionais promoven a relación de confianza entre os produtores e os consumidores, ofertan produtos de proximidade que madurecen sen adobíos e sen transporte intermedio e contribuen a fixar xente no campo, nun traballo que mantén a tripla función que ten desempeñado tradicionalmente: a produción, a conservación da natureza e da súa biodiversidade, e a socialización".

Pola súa parte, Aurora Calviño agradeceu ao Concello "a súa colaboración e o seu apoio" e indicou que "a partir deste martes, día 22, comezaremos co primeiro dos mercados, en horario de 19:00 a 22:00 horas, e farémolo cunha serie de actividades complementarias para facer do mercado unha auténtica festa, unha festa que se repetirá no mínimo unha vez en cada estación"

O acto de presentación do mercado estará protagonizado polo pregón de Mini e Mero, contará tamén con contacontos e coas actuacións do grupo de baile tradicional da Escola de Brincadeira, do Coro da Rá e da Caixa de Tambora. Esta primeira festa completarase tamén con un obradoiro sobre os produtos de tempada.

Compartir: